Cemma, 30 anos de estudo e coidado dos mamíferos mariños

Golfiño varado nun areal de Sada en marzo de 2016. (Foto: Cemma).
Desde a súa creación como grupo de traballo autónomo para a investigación e a divulgación dos mamíferos mariños, Cemma acumula miles de horas de navegación, observación e recuperación de exemplares ameazados. "Agora podemos dicir que empezamos a saber algo da fauna mariña ameazada na Galiza".

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, Cemma, vén de facer 30 anos. Tres décadas de estudo e divulgación dos mamíferos e das tartarugas mariñas da Galiza que deron comezo no inicio da década dos 90 do século pasado arredor dun esqueleto de balea azul na Universidade de Santiago.

O proxecto comezou a desenvolverse no ámbito do Museo de Historia Natural Luís Iglesias da USC, mais acabou por consolidarse dous anos despois, en 1992, como unha asociación autónoma, independente de calquera outra institución.

Estudo e divulgación

Desde 1999 Cemma é a entidade responsábel da asistencia a todos os exemplares varados na costa galega, da xestión do banco de mostras destas especies, da recuperación dos animais feridos e do seu estudo poboacional. Participa, ademais, na redacción dos plans de conservación das especies máis ameazadas para a administración galega e estatal. 

A canda outras institucións da Galiza e de fóra, Cemma impulsa e participa en numerosos proxectos de investigación e divulgación que nestes días gozan, ademais, dun carácter conmemorativo. Así, até finais de xuño pódese visitar no Centro de Interpretación Ambiental da Siradella, no Grove, unha exposición na que  se exhibe material óseo de animais varados nos últimos anos; unha mostra que lembra a primeira inaugurada nese mesmo espazo no ano 1994.

En tres décadas, Cemma asistiu 7.416 exemplares mariños encallados nos areais galegos. "É unha das vivencias que máis impacto e repercusión social ten. Son especies pouco frecuentes e chaman a atención. Atendelas e devolvelas ao seu medio require da participación cidadá e do sector do mar", apunta a Nós Diario o biólogo da Cemma Alfredo López, quen salienta o aproveitamento que fan destas experiencias para facer educación ambiental. 

Medio millar de animais varados foron rescatados con vida, a metade, liberados no momento. A maioría, cetáceos, mais tamén lobos mariños e tartarugas, ingresados, rehabilitados e devoltos ao mar en 70% das ocasións.

Conservación

En 30 anos, a Cemma sucou perto de 80.000 km de mar en máis de 10.000 horas de navegación en distintas campañas marítimas, de monitorización costeira e de fotoidentificación de arroaces. Algúns dos 500 exemplares identificados durante estas travesías gozaron dun seguimento estreito durante máis de 20 anos.

En total, Cemma suma máis de 6.500 avistamentos no mar, "moitos deles oportunistas": arroaces, golfiños comúns, toniñas, caldeiróns, balea común, balea alibranca e candorcas

"Partimos dun descoñecemento alto do noso medio mariño. Hoxe contamos con información importante sobre o número de especies e exemplares, sobre o impacto da pesca e da actividade humana. Non todo o que descubrimos é de bo gusto mais todo é imprescindíbel para poder abordar no futuro a convivencia e conservación de especies como a toniña, en perigo de extinción", conclúe López.