Durante os días 5 e 6 de xaneiro a rede de varamentos da Galiza, xestionada pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), asistiu a un varamento masivo de golfiños. Non son correntes, explica un dos seus integrantes, o biólogo Alfredo López, a Nós Diario: "O habitual é que os varamentos se produzan por mor dos temporais, e que os individuos que cheguen non garden relación entre si".
A maior parte dos varamentos na costa galega son de golfiños, aínda que entre os meses de decembro e marzo non é raro que se produza o dalgún exemplar de león mariño. "Chegan do norte de Europa. Durante esta época advertimos á veciñanza de que non pasee os cans soltos polas praias", informa Alfredo López.
Só 10% dos animais mariños que fican pendurados na costa galega son atendidos con vida. A Cemma traslada ás tartarugas pequenas e aos leóns mariños durante quince días a unha unidade de coidados intensivos; instalacións temporais e desmontábeis. A partir de aí, cando xa precisan desenvolverse nunha piscina, son derivados o Instituto Galego de Formación en Acuicultura, en Arousa.
A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.