'As celulosas non valen para o turismo, nin para o territorio', por Rubén C. Lois-González
Os tempos en que unha industria ou unha actividade extractiva de enclave eran acollidos con ledicia pola poboación pasaron. Moitas instalacións fabrís, enerxéticas e mineiras serviron para impulsar curtos períodos de desenvolvemento local ou comarcal, pero cando rematou o ciclo produtivo os territorios foron abandonados, sen orde, deixados nun estado de destrución dificilmente superable. Ademais, o avance as teorías decoloniais permitiu comprender mellor que as implantacións externas, de compañías multinacionais, só se traducen en explotación económica e ambiental.
Poden traer algo de crecemento, pero nunca un auténtico desenvolvemento sustentable. Por iso, A Ulloa, toda a sociedade da cunca do Ulla e da ría de Arousa rexeitan Altri, porque xa conseguiron articular modelos de progreso económico endóxenos. Nestes modelos, o turismo non cumpre un papel menor; o aproveitamento do Camiño de Santiago e dos valores paisaxísticos polas comunidades locais animou unha actividade económica razoable no seu tratamento da contorna, que xera moito emprego e riqueza.
- O impacto do proxecto de Altri, a debate
- Altri: contaminación sen principio de cautela
- A fauna, un dos segredos mellor gardados
- Impacto de Altri na flora
- Greenfiber: Afundando na depredaçom da Galiza
- O resgate do território galego em causa na luta contra a Altri
- Un cravo ardendo para o sector forestal galego
- Proxecto Gama: A grave ameaza que axexa o Ulla
- As celulosas non valen para o turismo, nin para o territorio
- Altri: de proxecto estrela a estrelado
- Altri: contaminación sen principio de cautela
O impacto do proxecto de Altri, a debate
Esta sexta feira, 8 de novembro, Nos Diario distribúe un caderno no que expertas e expertos en ámbitos varios analizan os posíbeis impactos e consecuencias da instalación de macrocelulosa de Altri na comarca da Ulloa.
O impacto do proxecto de Altri, a debate aglutina en 24 páxinas as análises de 11 expertas a respecto do que suporá para a fauna e a flora, a atmosfera, o sistema hídrico, o sector forestal ou a economía da Ulloa e da Galiza.
Altri: contaminación sen principio de cautela
Así, en “Altri: contaminación sen principio de cautela”, o catedrático en Bioloxía e Xeoloxía e doutor en Bioloxía Ramón Varela Díaz, analiza os requisitos que a factoría de Altri debería cumprir en relación ás substancias que emitirá á atmosfera.
Varela fai referencia ao chamado “Principio de precaución ou cautela”, recollido na Directiva 2010/75/UE sobre emisións industriais, que estabelece que no caso de que unha determinada política ou acción puidera causar danos ás persoas ou ao medio e non existise consenso, a política ou acción en cuestión debería abandonarse. “Estará Altri-Greenalia cumprindo estes presupostos?”, pregunta o catedrático.
A fauna, un dos segredos mellor gardados
Xabier Vázquez Pumariño, biólogo, ornitólogo, consultor ambiental e activista no movemento ecoloxista, fálanos dos posíbeis efectos de Altri sobre a Serra do Careón, declarada como Zona de Especial Conservación (ZEC) e situada entre as comarcas da Ulloa, Terra de Melide e a de Lugo.
“Os valores naturais máis citados e coñecidos da Serra do Careón refírense a súa extraordinaria flora endémica, pero non son poucas as especies de fauna incluídas dentro das Directivas europeas que podemos atopar nesta zona e que deberan ser contempladas para a súa conservación nos límites, non recortados, do espazo”, afirma Vázquez, que refire especies como a gatafornela, a tartaraña cinsenta ou a aguaneira, cuxa conservación “debería ser prioritaria”. “As consecuencias que se derivan para a fauna son desmesuradas”, sentencia.
Impacto de Altri na flora
Mais non só a fauna se verá previsibelmente afectada. Segundo os investigadores do Departamento de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Santiago Ortiz e Juan Rodríguez-Oubiña “sen dúbida ningunha, un dos impactos negativos máis relevantes que produciría a instalación da macrocelulosa impulsada pola empresa portuguesa Altri na localidade de Palas de Rei (A Ulloa) sería o que provocaría sobre a flora anxiospérmica”.
“Este impacto negativo veríase ademais agravado por estar xa na actualidade varias das especies que conforman esa flora ameazadas de extinción”. Refírense a especies como a herba de namorar de Merino, o cardiño das lagoas ou o cansimurgo azul, que evolucionaron para adaptarse ao solos serpentínicos, extremadamente raros no mundo mais presentes en Melide. Unha característica que as fai sumamente raras e polo tanto moi sensíbeis aos cambios.
Greenfiber: Afundando na depredaçom da Galiza
En “Greenfiber: Afundando na depredaçom da Galiza”, Bernardo Valdês analiza os efectos que Altri tería sobre as comarcas próximas á Ulloa e nesta mesma, especialmente en canto á superficie agraria e ao modelo forestal. “Aportamos mais da metade das cortas de madeira do Estado (fundamentalmente polo eucalipto), mais o nosso peso na indústria florestal no alcança 9% do valor acrescentado”, explica o profesor do departamento de Economía Aplicada da USC.
“Depois de mais de dous anos de pomposas declaraçons sobre um projeto para fabricar fibra têxtil utilizando madeira, fechando o círculo da madeira na Galiza, de acordo a princípios de circularidade e sustentabilidade. Depois de que Rueda prometesse 2.500 empregos diretos. Depois de muitas declaraçons e notícias na prensa amiga do PP, por fim, umha vez celebradas as eleiçons galegas, conhecemos em que se concreta o projeto do PP e Altri. Umha concreçom que tem pouco a ver com o que publicitado”, afirma Valdês.
O resgate do território galego em causa na luta contra a Altri
O activista no Climáximo, doutorado en alteracións climáticas, escritor e investigador na área do agronegocio no Corporate Europe Observatory, João Camargo, vincula a “loita contra Altri” co “rescate” do territorio galego e sinala as similitudes entre Portugal e a Galiza en canto ao seu uso por parte de empresas extractivistas e á relación que existe entre a eucaliptización, a construción de celulosas e os grandes incendios.
“Celuloses, eucaliptos, abandono e fogos são a tetrarquia que temos de desmantelar na confluência da crise climática. Esta combinação de destruição é exatamente o que nos propõem os governos português e galego neste momento histórico. A luta contra a instalação da fábrica da multinacional Altri em Palas de Rei é nesse sentido uma encruzilhada histórica, o resgate ou a destruição do território galego está em causa”, explica Camargo no seu artigo titulado “O resgate do território galego em causa na luta contra a Altri”.
Un cravo ardendo para o sector forestal galego
Tamén sobre incendios fálannos Inês Gusman e Diego Cidras, profesores no Departamento de Xeografía da USC en “Un cravo ardendo para o sector forestal galego”.
“A homoxeneización do monte con eucalipto e o abandono territorial foron apuntados como elementos centrais na orixe da vaga incendiaria de 2017. A presión social posterior foi tan intensa que o Goberno portugués estabeleceu unha moratoria á plantación do xénero Eucalyptus. Así e todo, Portugal contaba xa cunha das maiores superficies relativas de eucalipto do mundo, mentres que a industria da pasta de papel é unha das máis potentes da economía do país. A resposta das principais empresas do sector, Altri e Navigator, consistiu de entrada en desvincular a súa imaxe da dos incendios e exercer presión para a revogación da moratoria”, explican Gusman e Cidras sobre uns lumes que se constatan cada vez menores en número, pero moito máis vigorosos.
Proxecto Gama: A grave ameaza que axexa o Ulla
Ana Fernández Santamariña, doutora en Hidroloxía e xestión de recursos hídricos e vogal de Augas e Ríos de Adega, analiza en “Proxecto Gama: A grave ameaza que axexa o Ulla” os impactos do proxecto de Altri e Greenalia sobre o sistema hídrico da zona.
A extracción de auga que precisa a factoría para o seu funcionamento e que se realizaría no encoro de Portodemouros, sendo devolta a quilómetro e medio do encoro, “podería comprometer a viabilidade ambiental dos ecosistemas , biodiversidade (da que dependen moitas familias na Ría de Arousa) e o abastecemento para o consumo humano (augas abaixo deste encoro abastécense 140.000 persoas do río Ulla)”.
As celulosas non valen para o turismo, nin para o territorio
Pola súa parte, Rubén C. Lois-González centra a súa análise nas posíbeis implicacións que o chamado Proxecto Gama tería para sectores económicos como o turismo.
“Unha simple consulta dos datos da oferta turística dos concellos afectados por Altri reflicten a importancia acadada polo Camiño de Santiago, en particular o francés. Así, en Palas de Rei e Melide preto de 90 albergues, casas rurais, apartamentos, vivendas de uso turístico e hoteis, establecementos rexistrados oficialmente pola Xunta de Galicia en cada territorio, permiten acadar unha oferta de arredor de 1.500 prazas por municipio”, explica Lois en “As celulosas non valen para o turismo, nin para o territorio”.
Altri: de proxecto estrela a estrelado
Finalmente, a doutora en Economía María do Carme García-Negro tamén achega o seu punto de vista sobre este proxecto en “Altri: de proxecto estrela a estrelado”.