A celulosa de Altri emitiría máis gases de efecto invernadoiro que a factoría de Ence

A celulosa de Ence emprazada na ría de Pontevedra é unha das factorías máis contaminantes da Galiza. (Foto: Xaquín Soliño).

A Declaración de Impacto Ambiental (DIA) presentada por Altri ante de Augas da Galiza avanza unhas emisións de óxido de xofre de 577,8 toneladas e de óxido de nitróxeno de 2.180,9. Os valores son moi superiores aos recoñecido polo Ministerio para a celulosa de Ence en Pontevedra.

“As emisións de gases de efecto invernadoiro da factoría de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) estarán por riba de 100.000 toneladas ano e serán superiores ás da celulosa de Ence en Pontevedra”, sinala a Nós Diario o catedrático en Bioloxía e Xeoloxía e doutor Ramón Varela. Neste sentido, conclúe, após a análise da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) presentada pola multinacional portuguesa Altri diante de Augas da Galiza para lograr a captación de auga do río Ulla, que “as emisións de dióxido de carbono de Altri, principal gas de efecto invernadoiro, serán maiores que as da planta de Ence en Pontevedra, que no ano 2020 chegaron a 86.000 toneladas”.

Ramón Varela apunta que “a empresa recolle no proxecto formulado que as emisións de oxido de xofre serán de 577,8 toneladas ao ano e as emisións de óxido de nitróxeno de 2.180,9 toneladas anuais”. Nesa dirección, lembra que “as emisións de xofre e nitróxeno son as principais causas da choiva ácida” e avanza que “a factoría de Altri dobrará e case triplicará as emisións de óxidos de xofre e nitróxeno da fábrica de Ence en Pontevedra”. A este respecto, os responsábeis desta última compañía sinalan que en 2020, último ano con datos, a pasteira pontevedresa emitiu 165 toneladas de óxidos de xofre e 842 toneladas de óxidos nitróxeno.

Varela, autor en 1990 da primeira tese de doutoramento sobre a choiva ácida na Galiza, advirte de que “as emisións de partículas de Altri chegarán a 252,5 toneladas ao ano, sendo tamén superiores ás de Ence”, que en 2020 alcanzaron as 195 toneladas. Neste punto, desvela que “as partículas, especialmente as  PM 2,5, son moi problemáticas para a saúde, sendo responsábeis de problemas respiratorios e cardiovasculares, xerando asma ou provocando casos de ictus”. Nesa liña, lembra que “a Organización Mundial da Saúde (OMS) vén de reclamar a redución da súa presenza na atmosfera polos problemas de saúde que xera e por ser un dos factores que reduce a duración da vida das persoas”.

A choiva ácida

O Rexistro de emisións e verteduras contaminantes (PRTR) do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) sitúa a factoría de Ence de Pontevedra entre as 10 empresas máis contaminantes da Galiza; porén, Varela considera que “Altri superará en contaminación a Ence”. Nesta dirección, apunta que a multinacional portuguesa “emprega unha tecnoloxía obsoleta, un modelo de fábrica dos anos 70 e 80 que coloca no século XX, onde non empregan os novos medios técnicos que permitirían unha fábrica menos agresiva co medio ambiente por unha razón meramente económica de abaratar custos”. Asemade, destaca que “á vista dos datos sobre emisións ofrecidas pola compañía parece claro que Altri xeraría máis choiva ácida que a planta de Ence”.

“As verteduras por xofre e por nitratos van aumentar a contaminación das augas do río Ulla e da ría de Arousa”, explica a Nós Diario Montserrat Valcárcel, doutora en Enxeñaría Agrónoma e profesora na área de Hidráulica e Hidroloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e agora deputada do BNG no Parlamento. Lembra que “Altri vai devolver ao río en forma de verteduras 30 millóns de litros de auga, o que vai ter un efecto moi negativo para a calidade da auga, unha auga da que se abastecen desde o encoro de Portodemouros para baixo máis de 145.000 persoas”. Precisamente, Valcárcel pon o foco neste encoro, emprazado nos concellos de Agolada e Vila de Cruces (O Deza), Arzúa (comarca homónima) e Santiso (Terra de Melide), cualificándoo como “un espazo vulnerábel”.

Incremento das toxinas

Valcárcel advirte dun “aumento de toxinas nas augas do río Ulla e dunha suba da temperatura que vai provocar menos osixenación e renovación das augas, co seu impacto na biodeviersidade e na calidade das augas”. Neste sentido, indica que “Altri di que a temperatura das augas só se incrementaría en dous graos con respecto a agora e que a máxima temperatura que se alcanzaría é de 18,3°”, mais cuestiona“o lugar de toma de datos e a modelizacion”. Asemade, destaca que “o proxecto vai alterar a recarga dos acuíferos, nun territorio onde non temos moitas augas subterráneas”.

"O proxecto representa un problema para biodiversidade da zona”, indica a Nós Diario Manuel Rodríguez Guitián, doutor en Bioloxía e profesor da área de Produción Vexetal da USC. Entende que “o proxecto presentado por Altri admite que hai especies protexidas na zona, mesmo a nivel europeo, pero non avalía o impacto do proxecto sobre as mesmas”. Así, por exemplo, desvela que “se propón unha canalización de varios quilómetros sobre unha zona onde se asenta o cardiño da lagoa”, unha planta en perigo de extinción recollida no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e só presente na península Ibérica na Galiza e mais no norte de Portugal.

A normativa europea

Rodríguez denuncia que “a Xunta da Galiza sacou un proxecto sectorial para declarar proxectos estratéxicos por encima da lexislación ambiental”, mais lembra que “non pode haber unha normativa sectorial por enriba da lexislación ambiental, xa que contradí a normativa europea, estatal e mesmo a galega”.

Altri consumiría máis de 1,2 millóns de metros cúbicos de eucalipto ao ano

A sala de xuntas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de  Lugo (USC) acolleu na tarde de onte unha mesa redonda organizada polo Grupo de Innovación Docente Ruralia, onde se analizaron os impactos no territorio do proxecto de celulosa de Altri na Ulloa. Os relatorios correron a cargos do profesores da USC Eduardo Corbelle, Montserrat Valcárcel e Manuel A. Rodríguez Guitián.

O doutor en Enxeñaría de Montes e profesor da área de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría da USC, Eduardo Corbelle, sinala a Nós Diario que “o proxecto de Altri é un chanzo máis na política forestal que se está aplicando na Galiza, un modelo baseado de baixa calidade que xera un escaso valor engadido”. Nesta liña, incide en que “cada ano se cortan 10 millóns de metros cúbicos de madeira e seis millóns de metros cúbicos son de eucalipto que se van triturar, dos cales catro teñen como comprador Ence”.

500.000 hectáreas de eucaliptos    

Corbelle considera que “isto é un problema que se vai agudizar co proxecto de Altri cuxo consumo nunha etapa inicial vai ser de 1,2 millóns  metros cúbicos de eucalipto, unha cantidade semellante á planta de Ence de Pontevedra”, que en 2021, último ano con datos, precisou 1,3 millóns metros cúbicos. Nesta liña, amósase convencido de que “a celulosa de Altri vai agudizar o proceso de eucaliptización e obrigar a aumentar a masa forestal desta especie”, que xa ocupa máis de 500.000 hectáreas no conxunto do país.