O Celta pide amparo legal á Xunta para construír a cidade deportiva

O presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, no centro, a cuarta feira na presentación do proxecto.
A veciñanza alerta da afectación do proxecto presentado polo RC Celta aos acuíferos en terreos da Comunidade de Montes de Tameiga, no Concello de Mos.

O presidente do Real Club Celta de Vigo (RC Celta), Carlos Mouriño, presentou na cuarta feira en rolda de prensa o proxecto denominado 'Galiza Sports 360, a Factoría do Deporte Galego'. O novo proxecto consiste na construción dunhas instalacións para a formación deportiva que afectarán os terreos da Comunidade de Montes de Tameiga e os acuíferos de cinco comunidades de augas da localidade de Mos. 

O proxecto prevé, segundo o máximo representante do equipo de fútbol, o "investimento de 70 millóns de euros aproximadamente" e a "creación de máis de 200 postos de traballo".

Porén, as infraestruturas que o RC Celta pretende levar a cabo non están exentas de polémica, pois anteriores proxectos para a construción de instalacións deportivas -que contaron coa licenza por parte do Concello de Mos gobernado por Nidia Arévalo (PP)- foron paralizados pola Xustiza. 

Concretamente, o xulgado do Contencioso Administrativo número 3 de Pontevedra estimou un recurso interposto pola Comunidade de Montes de Tameiga e ordenoulle ao Concello de Mos revisar de oficio a licenza outorgada en 2018 ao RC Celta para construír os campos de adestramento na parroquia de Pereiras, á vez que declarou nula a licenza concedida en 2019 para a construción duns vestiarios e outras instalacións auxiliares nese complexo.

A nova aposta do club deportivo para poder desenvolver os seus plans e evitar a normativa urbanística que impediu culminar os proxectos anteriores, tal e como explicou Mouriño nun correo electrónico enviado aos abonados do RC Celta ao que puido acceder Nós Diario, é solicitar "á Xunta da Galiza a declaración de Interese Autonómico" do novo proxecto desenvolto polo club.

A Comunidade de Montes de Tameiga recibiu unha comunicación do RC Celta, na que se lles emprazaba a manter unha reunión coa dirección do equipo de fútbol co gallo de presentarlles o novo proxecto de cidade deportiva, segundo fixo saber o vogal da Xunta Directiva da comunidade de montes de Tameiga, Antonio Cajide, en declaracións exclusivas a Nós Diario.

Cajide explicou que, con motivo desta comunicación, a comunidade de montes vén de convocar unha reunión na que decidirán sobre os seguintes pasos a tomar con respecto á cuestión e sobre a conveniencia de acudir á citación do RC Celta.

O representante da comunidade de montes expresou a súa "sorpresa" polo feito de que o equipo deportivo "volva a comezar a casa polo tellado" ao "anunciar publicamente o que van facer e os permisos cos que contan" con carácter previo a explicar "o que queren facer" á comunidade propietaria de terreos sobre os que se prevé construír.

Con respecto á afectación dos plans de instalación da cidade deportiva nos terreos forestais, o vogal da comunidade aseverou que "na última Asemblea Xeral na que estaban 256 familias representadas" aprobouse expresamente que "Tameiga non ía aceptar montar alí as instalacións deportivas" da entidade viguesa.

Cajide denunciou que a previsión da ocupación "de 30 hectáreas de terreos rústicos de especial protección forestal" afectaría aos acuíferos dos que se nutren "cinco acometidas de augas comunitarias que caen por gravidade sen necesidade de bombeo con 1.500 tomas de auga que están provendo de auga potábel a máis de 5.000 familias" do Concello de Mos