Ceivar chama á solidariedade cos independentistas Asunción Losada e Garcia Matos para quen a Audiencia Nacional pide quince anos de cárcere
O próximo 15 de outubro arranca na Audiencia Nacional un xuízo contra Asunción Losada Camba e Antom Garcia Matos para quen a xustiza española reclama 15 anos de cárcere.
A asociación antirepresiva Ceivar presentou este domingo en Compostela unha campaña de solidariedade con Asunción Losada Camba e Antom Garcia Matos baixo o lema de “a historia absolveranos”.
Losada Camba e Garcia Matos, que actualmente cumpren unha pena de prisión de 28 anos, enfrontan a partir do 15 de outubro un novo proceso na Audiencia Nacional. Neste caso, a xustiza solicita para eles penas de cárcere de 15 anos.
Ceivar sinala que a Audiencia Nacional “pretende agora atribuírlles a responsabilidade penal de todas as sabotaxes armadas ocorridas no noso país entre 2005 e 2014”, entre eles a “destrución da Casa do Concello de Baralla en 2014” pola que xa foi condenada outra persoa.
“A fiscalía da Audiencia Nacional”, apuntan desde Ceivar, “solicita 15 anos máis de prisión por un delito de “estragos terroristas”, que se sumarían aos mais de 28 polos que Antom e Assum cumpren actualmente condena”.
‘Unha condena perpetua encuberta’
A entidade explica que “aínda que o límite máximo de permanencia na cadea para ambos é agora mesmo de 20 anos, unha condena por este tipo delito podería aumentar” a súa estadía no cárcere até os 25 anos, “o que significa unha condena perpetua encuberta”.
Ceivar entenden que o novo procedemento contra Losada Camba e Garcia Matos “non é só un ataque contra as activistas presas ou contra o movemento independentista”, senón que representa “a utilización do terror por parte dos Estados para silenciar a disidencia contra os movementos sociais”.
O colectivo chama “á solidariedade activa” con Asunción Losada Camba e Antom Garcia Matos “de todas as persoas e organizacións que defenden a Galiza e o dereito do noso pobo a loitar pola súa sobrevivencia”