CCOO, UXT e a patronal erixen Ence como unha empresa 'clave'

A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez,no acto organizado onte coa patronal do sector da madeira. (Foto: Nós Diario)
O Supremo decidirá o 7 de febreiro o futuro da fábrica.

Unha representación de diferentes sectores sociais e económicos participaron hoxe nun acto público en defensa da pasteira Ence, que definiron como "unha empresa tractora" para a Galiza. Así o fixeron logo de que o Tribunal Supremo informara a Ence a través dunha notificación que o próximo día 7 de febreiro realizará a votación e a resolución dos recursos de casación interpostos contra as sentenzas da Audiencia Nacional que declararon a nulidade da prórroga da súa concesión na ría de Pontevedra até 2073, aprobada polo Goberno de Mariano Raxoi en funcións. 

Neste acto, decorrido na sede de Afundación de Pontevedra, participaron o secretario da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), José Manuel Maceira; a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez; así como representantes da patronal do sector da madeira. A secretaria xeral de CCOO defendeu na súa intervención que "o cambio de modelo produtivo que está hoxe en día enriba da mesa é perfectamente compatíbel coa sostibilidade ambiental" recalcando que a fábrica de Pontevedra "cumpre cos criterios ambientais". 

Pola súa parte, o secretario da CEG chegou a dicir que "Ence Pontevedra adiantouse á transición enerxética". Representantes do sector da madeira referíronse á pasteira como "un modelo de empresa tractora e líder no seu sector" e "dá beneficios de maneira sostíbel", sen se referir a que Ence foi condenada en novembro de 2022 por cometer un delito ecolóxico pola contaminación atmosférica e hídrica emitida.

"Coidar os bosques"

O presidente da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), Antonio Garamendi, tamén explicitou hoxe, nun almorzo-coloquio en Santiago de Compostela, o seu apoio á empresa e á permanencia de Ence na ría de Pontevedra. 

Garamendi puxo sobre a mesa a cifra de 5.000 empregos que, de acordo coa compañía, están vencellados coa planta de Lourizán, un dato desmentido polo censo de persoal actualizado en 2015 polos sindicatos que están no comité, que cifran o cadro de persoal en 366. Ademais, asegurou que a súa presenza na Galiza é relevante para "coidar os bosques" galegos. Non obstante, Ence promove o monocultivo de eucalipto en todo o país en detrimento dos bosques autóctonos e de terreos produtivos.

Na mesma xuntanza, o vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza, Francisco Conde, acusou o Goberno español de "provocar" esta situación e atribuíulle a "intención" de "expulsar" Ence "da Galiza". Conde aproveitou para recordar que a Xunta deu unha "alternativa", que supoñía adscribir os terreos de Lourizán á Autoridade Portuaria de Marín, unha idea desbotada polo Executivo de Pedro Sánchez, e que permitiría a Ence seguir utilizando solo público de maneira gratuíta. 

A postura dos populares concorda co feito de que o PP sentase nas cadeiras do Consello de Administración de Ence recoñecidos ex cargos públicos, como o ex conselleiro de Medio Ambiente de Fraga Carlos del Álamo e a ex ministra de Medio Ambiente de Aznar Isabel Tocino.

Emprego e medio ambiente

O secretario xeral de UXT, Pepe Álvarez, afirmou no día de hoxe afrontar con "preocupación" os días que faltan para que a xustiza se pronuncie. Álvarez mostrouse "esperanzado de que o Supremo sexa consciente da importancia do emprego" de Ence, obviando os traballos destruídos no sector marisqueiro debido á contaminación vertida á ría pola factoría.