CCOO urxe "medidas efectivas de protección social" para o medio millón de persoas en situación de pobreza

A pandemia disparou as desigualdades na Galiza. (Foto: Nós Diario)
"Mídase como se mida, os niveis de pobreza alcanzan cotas inaceptábeis", sinala Maica Bouza, en relación ás máis de 544.000 galegas e galegos que viven por baixo do limiar da pobreza.

Esta segunda feira conmemórase o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza e, neste contexto, CCOO Galiza vén de urxir "medidas efectivas de protección social" diante dunha problemática que afecta máis de medio millón de galegas e galegos que viven por baixo do limiar da pobreza.

Trátase, concreta o sindicato, dunhas 544.520 persoas, isto é, 20,2% da poboación da Galiza que ingresan 9.535 euros ou menos cada ano, no caso dos fogares unipersoais. Así o reflicte un novo informe de CCOO que vén de facer público.

"Alén dos indicadores, a realidade é que son moitas, demasiadas, as persoas que viven unha situación dramática", sostén Maica Bouza, secretaria de Emprego e Política Social da organización.

Na mesma liña, lembra que o indicador Arope cifraba o pasado ano en 679.302 as persoas en risco de pobreza ou exclusión social. Ao mesmo tempo, desde a central sindical precisan que hai até 30.800 fogares no país sen perceptores de ingresos, segundo os datos de 2021.

"Mídase como se mida, os niveis de pobreza alcanzan cotas inaceptábeis", defende Bouza, quen cualifica como "imprescindíbel" aproveitar as etapas de crecemento económico para "desenvolver políticas que combatan a pobreza laboral, a precariedade e a desigualdade".

Neste senso, Maica Bouza alega que as redes de protección social deben xogar un papel "determinante". Por unha parte, di, o sistema público de pensións e de prestacións por desemprego, así como as rendas de inserción —como a Risga ou o ingreso mínimo vital (IMV)— "deberían cubrir as necesidades básicas das persoas, en especial das que se atopen en situación máis vulnerábel".

Así, incide na necesidade de que a Risga sexa "compatíbel" co IMV, a fin de "cubrir aquelas situacións onde este non chega". De feito, lembra que só 15 de cada 100 galegas e galegos en risco de pobreza perciben algunha destas prestacións.