Cazolada e ‘sulfatada’ da comunidade escolar a Educación polo protocolo da Covid

Protesta de sindicatos do ensino contra o protocolo de Covid para o curso 2020-21 (Foto: Arxina)

Centos de docentes reclaman seguridade para garantir a presencialidade e a saúde de toda a comunidade educativa o vindeiro curso.

 

Representantes das organizacións sindicais do ensino, de Anpas, profesorado, alumnado concentráronse diante da Consellaría de Educación para reclamar outro protocolo de Covid para o curso que principia o 10 de setembro e mostrar, máis unha vez, o seu rexeitamento ao proposto pola Xunta.

Nunha acción conxunta e unitaria que se desenvolveu cunha cazolada e un acto simbólico no que fumigaron o documento presentado pola Consellaría de Educación, púxose de manifesto o rexeitamento da comunidade educativa ás instrucións da administración.

Os principais motivos desta rexeite  pasan pola ausencia de medidas efectivas que minimicen os contaxios, mantendo as abultadas ratios existentes, reducindo a distancia de seguridade a un metro (fóra dos grupos estábeis que son inviábeis), sen seguir ningunha das recomendacións sanitarias de organismos como a OMS ou do que establece o Ministerio de Sanidade e negando a posibilidade de incrementar o persoal docente e non docente para facer fronte a todas as medidas organizativas, de gardas, quendas de vixilancia e limpeza que establece o protocolo.

CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, e outras organizacións (CCOO, UXT, Anpe, STEG) alertaron que non se prevé ningún plan de actuación específico cando exista un caso positivo, de illamento do grupo ou centro, e que as medidas que se propoñen nese sentido son moi laxas.

“Igualmente non hai un plan establecido para ter que recorrer á teledocencia, malia que houbo tempo de prepararse para esa eventualidade, e que esta cuestión, xunto co perigo que corren servizos complementarios como o comedor ou o transporte escolar poden redundar nas desigualdades sociais e educativas entre o alumnado”, indican desde a central nacionalista.

Próximas mobilizacións

A semana que vén terá lugar de novo outra concentración diante de San Caetano (o día 28) e os sindicatos xa avanzaron que se non hai ningún movemento que indique que a Consellaría está disposta a negociar outro protocolo “o curso en setembro empezará con conflito e mobilizacións”.