Cazolada desde balcóns e xanelas contra Filipe VI

Potas, olas, cazolas... Ruído desde balcóns e xanelas para “dicir adeus á monarquía”


 

Tarteiras, potas, cazolas, culleres, garfos... Todo foi válido para, ás 21 horas desta cuarta feira, facer ruído e barullo no mesmo momento no que a través da radio e televisión Filipe VI daba o seu 'Discurso a la Nación'. Numerosas persoas saíron a balcóns e xanelas para facer visíbe, e audíbel, o rexeitamento á monarquía española na segunda acción deste tipo no día.

Esta, a da noite, foi máis numerosa e ruidosa que a primeira, que tivo lugar ás 12:00. Ambas as dúas convocatorias 'rularan' a nivel de todo o Estado polas redes sociais nestes días. A segunda emprazaba á cazolada no mesmo momento, 21:00 horas, nas que estaba previsto o inicio do discurso do rei español

Unha iniciativa apoiada por formacións soberanistas como BNG, ERC, CUP ou Bildu, entre outras, que nun comunicado conxunto chamaron a "axitar as cacerolas para expresar a urxencia de dicir adeus á monarquía e construír as repúblicas dos pobos". 

Tamén formacións como Compostela Aberta, Marea Atlántica ou Marea de Vigo na Galiza fixeron un chamado a se sumar á cazolada. E formacións estatais, como IU, así como diferentes sindicatos, colectivos e plataformas sociais das diferentes nacións e territorios do Estado.

Nas redes sociais colgáronse audios e imaxes de como a cazolada se estendeu por diferentes puntos de cidades como Coruña, Compostela, Vigo ou Ourense e tamén por diferentes vilas do país. Unha cazolada acompañada, en varios balcóns, por bandeiras galegas ou de españolas republicanas.