A caza, dubidosa aliada no control do xabaril

Xabaril femia xunto aos seus xabatos nun refuxio (Imaxe: Adega).
Na fin de semana comezou o período hábil para a captura do corzo e do xabaril. No segundo caso, este estenderase por decisión da Consellaría de Medio Rural "ante a sobreabundacia da especie". Unha sobreabundacia difícil de dirmir, xa que a Xunta carece dun rexistro desta especie. A maiores, o biólogo Xabier Vázquez Pumariño explica a Nós Diario que a caza do porco bravo pode contribuír precisamente ao incremento de exemplares.

Esta fin de semana comezou o período hábil para a captura do corzo e do xabaril, en base á resolución pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de controis por danos e os réximes especiais para a tempada 2020-2021.

En concreto, no caso do período hábil do xabaril, este esténdese desde o sábado e até o 28 de febreiro de 2021, “o que supón manter practicamente sen cambios o do ano pasado, cando xa se acordara co sector ampliar en case un mes a tempada do xabaril ante a sobreabundancia da especie”, segundo informou a Consellaría de Medio Rural.

Unha sobreabundacia que o biólogo Xabier Vázquez Pumariño pon en dúbida, en tanto que a Administración galega “carece a día de hoxe dun rexistro de xabarís e a súa distribución da súa na Galiza”. Porén, e ante as demandas de labregos e labregas que vén estragadas as súas colleitas pola súa causa, a solución achegada pola Xunta foi apoiarse no sector da caza.

De facto, durante os meses máis duros da pandemia, unha orde do 21 de marzo ergueu parcialmente o veto á actividade cinexética como “medida de control”. As excepcións estaban ligadas a danos á agricultura, aos accidentes de tráfico en puntos concretos e ligados a colisións con animais ou ao control de determinadas enfermidades.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, Adega, cuestionou que se adxudicase á caza o papel de controladora da biodiversidade. A entidade tamén criticou a resolución que, o pasado 11 de declarou a “emerxencia cinexética”, motivada polos danos provocados polo xabaril nas comarcas de Betanzos-Eume, Terra Chá, Viana e o Deza. A medida permitía abater ou capturar exemplares de xabaril nun total de 481,170 hectáreas sen límite de cota.

Os xabarís, canto máis se capturan máis se reproducen, explica Xabier Vázquez Pumariño

O biólogo Xabier Vázquez Pumariño explica a Nós Diario que a caza, como ferramenta de control da especie, pode resultar “contraproducente”. “Os xabarís, canto máis se capturan máis se reproducen, pois nunha situación de estrés reaccionan reproducíndose moito e durante todo o ano”, expón.

Este biólogo explica que o limiar de exemplares cazados que permita unha redución da poboación de xabaril en áreas afectadas “é moi alto” segundo a literatura científica. “Esa intensidade non se conseguiría con cazadores afeccionados, senón que sería necesaria unha intervención profesional”, apunta.

Vázquez Pumariño valora que os factores que poderían explicar a maior incidencia do xabaril nos cultivos ou nos prados teñen unha orixe humana. “Non semella casualidade que agora que non haxa gandos nin cultivos no monte, senón piñeiro e eucalipto, o xabaril se traslade a zonas produtivas, máis preto de aldeas e vilas”, salienta.

Hai que revisar a xestión destas especies ou continuaremos indefinidamente como estamos, valora Vázquez Pumariño

“A solución? Aínda que pareza contraintuitiva, pasa por deixar de cazalos ou limitar a caza as áreas nas que os xabarís fagan máis dano, como se fai en Catalunya”, engade o biólogo, engadindo que outra problemática do control do xabaril é que o seu único depredador, o lobo, tamén é cazado polo ser humano. “Hai que revisar a xestión destas especies ou continuaremos indefinidamente como estamos”, conclúe.