O verán de...

Catuxa Leira: "A praia, canto máis salvaxe, mellor"

A actriz Catuxa Leira. (Foto: Nós Diario)
Entrevistamos a actriz Catuxa Leira para o caderno de verán de 'Nós Diario'.

—Cóntenos sobre o seu momento actual, no persoal e no profesional.
Pois estou nun momento moi bonito a todos os niveis. Este verán decidín collelo enteiro de vacacións, cousa que desde o ano que me licenciei en Arte Dramática non puiden facer. Caso en outubro e así temos tempo para organizalo todo ben.

—Cal é o papel que interpretou que lembra con máis cariño?
Teño dous, a primeira é a personaxe de Sabela en Serramoura. A outra é a peli que acabo de rodar. Foi un gran reto, era a primeira vez que interpretaba a unha personaxe protagonista, a miña primeira longametraxe e o meu primeiro traballo de fala inglesa.

—Como lle gusta gozar do verán?
Mar e montaña. Gústame moitísimo a natureza. Encántame a praia, canto máis salvaxe mellor.

—Cal é o lugar da Galiza en que máis lle gusta estar?
As praias de Ferrolterra: Doniños, San Xurxo, Covas, Santa Comba, Ponzos... O mar dáme a vida.

—Cando vai á praia, é máis de estar na area ou na auga?
Son máis de 'lagartear'. Coller sol até que non podo máis. Pero logo podo tirarme na auga horas xogando coas ondas.

—O mellor concerto da súa vida?
O primeiro que me vén é un de Red Hot Chilly Peppers ao que fun cando tiña uns 15 anos.

—A onde non iría nunca de vacacións?
A un sitio hiperturístico de torres de apartamentos e praias masificadas.

—Prenda que nunca falla no verán?
Un vestidiño que entalle na cintura pero que voe co vento.

—Unha viaxe que teña gravada como 'a viaxe'?
Cando comecei coa miña parella, marchamos a Gran Canaria e acampamos nunha praia nudista brutal.

—Unha canción, un libro e un filme que recomende?
Cancións Lela, cantada por Dulce Pontes. E OG de Dios Ke Te Crew con Boyanka Kostova. Libro Chámame señora pero trátame coma a un señor de Inma López Silva e filme DHOGS de Andrés Goteira.