Os catro sindicatos acordan adiar o segundo día de folga no ensino ao 23 de setembro

Imaxe dunha protesta da comunidade educativa diante dun centro galego. (Foto: CIG / Europa Press)
A data coincidiría co novo día marcado pola Consellaría de Educación de Román Rodríguez para comezar o curso lectivo en Secundaria, Bacharelato e FP. A esta protesta únense as organizacións sindicais da CIG, CCOO, STEG e CSIF.

Lonxe de calmar os ánimos, o adiamento da data de inicio do curso anunciado onte pola Consellaría de Educación non vai parar as protestas da comunidade educativa por mor da improvisación e a falta de recursos para organizar unha volta ás aulas ás présas nas mellores condicións posíbeis. Catro centrais sindicais veñen de anunciar que o segundo día de folga previsto pasará a ser o 23 de setembro, polo que non só non suprimen a greve senón que será unha maios contestacións aos plans da Xunta.

Segundo fontes da CIG, os catro sindicatos convocantes da folga no ensino mantiveron unha reunión de urxencia a tarde desta sexta feira para tomar decisións após da medida anunciada polo recén nomeado conselleiro do ramo Román Rodríguez.

Neste encontro de traballo a representación de Comisións Obreiras, STEG, CSIF e a CIG acordaron cambiar a segunda data de folga no ensino. Se o comité de folga falara do 10 e do 16 de setembro para facer as súas reinvidicacións, finalmente só se mantivo nas mesmas condicións o día 10.

Dado que a Xunta da Galiza, a través da Consellaría de Sanidade, decidiu atender a certas queixas dos equipos directivos dos institutos de Compostela, Pontevedra e A Coruña -fundamentalmente, porque foron as advertencias de atraso no regreso ás aulas máis sonadas- e pasar o inicio do curso ao día 23 de setembro, os sindicatos elixiron ese novo día para dar visibilidade ás reivindicacións do sector. 

É dicir, cambian o previsto para o día 16 ao 23, pero non suspenden as actuacións porque o malestar segue estando presente malia a unha decisión apresurada de Rodríguez.

"Esta xornada de folga afecta á educación secundaria, bacharelato, formación profesional, as ensinazas de artes plásticas e deseño así como as deportivas e todas as ensinazas de réxime especial", indican fontes da CIG.

O certo é que se plantexou unha semana máis de preparativos pero, por exemplo, polas palabras dos directores dos institutos de Compostela, a organización non parece sinxela cando todavía non obtiveron respostas de Educación sobre as necesidades concretas de cada quen para adaptarse ás novas medidas.