Catro investigados nunha causa por homicidio imprudente dun bombeiro en prácticas atropelado por un bus en Santiago

O autobús calcinado que atropelou o bombeiro quitándolle a vida (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
Os feitos ocorreron o 30 de agosto de 2022 no lugar da Cacharela, na parroquia de Aríns.

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago citou catro persoas como investigadas e a outras dúas como testemuñas en relación coa morte de Jorge Corbacho Mauricio, un bombeiro en prácticas atropelado en Santiago por un autobús urbano durante un operativo de extinción do vehículo.

Os feitos ocorreron o 30 de agosto de 2022 no lugar da Cacharela, na parroquia de Aríns.

Diso informan fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que explican que a causa se segue por homicidio imprudente e infracción das normas de prevención de riscos laborais.

O parque de bombeiros recibiu o aviso de que un autobús baleiro da empresa Rías Baixas, que realiza servizo de liña municipal, estaba a arder na parroquia de Aríns.

De inmediato, un retén desprazouse cara ao lugar para comezar cos labores de extinción. Á súa chegada, o condutor do autobús tentaba apagar o incendio que, segundo a información do 112 Galiza, empezaba a descontrolarse.

Mentres os bombeiros montaban o operativo, e de forma "sorpresiva", apuntaba o Concello de Santiago, o autobús comezou a desprazarse cara a adiante, atropelando a vítima.

Homenaxe

Un ano despois, o pasado 30 de agosto de 2023, o parque de bombeiros de Santiago acolleu unha homenaxe ao bombeiro falecido, nun acto no que interveu o pai de Jorge e descubriuse unha placa conmemorativa e un retrato do mozo de 25 anos.