Catro detidos en Vigo tras ser desarticulada unha organización dedicada á captación e explotación sexual de mulleres

Catro mulleres vítimas de explotación sexual foron liberadas en Vigo (Foto: Nós Diario).
As vítimas, que chegarían a 30, estaban "totalmente controladas" baixo ameazas e "amontoadas en condicións de insalubridade" en pisos de citas.

Catro persoas foron detidas en Vigo tras a desarticulación dunha organización criminal dedicada á captación e posterior explotación sexual de mulleres, ás que tiñan "totalmente controladas" baixo ameazas e "amontoadas en condicións de insalubridade" en pisos de citas.

Tal como informou a Policía, a investigación comezou en 2022, cando se tivo coñecemento da existencia dun piso de citas na cidade olívica onde se podía estar a realizar esta explotación sexual.

Grazas á cooperación entre distintos persoais policiais da Galiza, púidose comprobar que o principal investigado era coñecido no seu Estado de orixe por financiar a viaxe das vítimas desde América do Sur ao Estado español.

As mulleres, unha vez en Vigo, eran aloxadas nalgún dos múltiples pisos que a organización tiña, onde eran explotadas sexualmente. Esta explotación tiña como obxectivo saldar a suposta débeda contraída pola súa viaxe, que nalgúns casos chegada a ascender a uns 7.000 euros.

"O principal investigado valíase doutros compatriotas para levar a cabo tanto o tráfico de persoas como a súa posterior explotación sexual e férreo control, estimando os investigadores a existencia de ao redor unha trintena de vítimas”, engadiu a Policía.

As vítimas “foron traficadas e explotadas, xerando importantes ingresos económicos á organización, dos que posteriormente facían alarde en redes sociais publicando festas en barcos, ceas en restaurantes exclusivos e luxosos artigos de agasallo", explicou.

Froito da investigación, a pasada terza feira procedeuse á detención de catro integrantes da organización e ao rexistro de dúas vivendas utilizadas para as súas actividades ilícitas, liberándose a catro mulleres que se atopaban no interior dos pisos en situación de explotación e en condicións de habitabilidade "ínfimas".

Postos en liberdade

Segundo fixeron saber fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), os catro detidos pasaron esta quinta feira ao dispor do Xulgado de Instrución número 6 de Vigo, en funcións de garda, a pesar de que a causa a instrúe o número 2.

A maxistrada decretou a posta en liberdade de todos eles, xa que ningunha das partes solicitou presión, polo que non podería acordala. A pesar de iso, estabeleceu medidas como a retirada do pasaporte e a prohibición de abandonar o territorio estatal. Os catro homes están investigados por un delito de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.