Catro anos após a vaga de lumes, os alcaldes da 'zona cero' lamentan a "nula axuda" da Xunta

Medio Rural fixa o primeiro semestre de 2022 como data para levar ao Parlamento a Lei de prevención.

A vaga de lumes que en outubro de 2017 arrasou arredor de 50.000 hectáreas e provocou catro mortes en apenas unha semana cumpre catro anos con moitos retos pendentes. O máis ambicioso, a aprobación dunha nova lei de prevención de incendios.

O conselleiro do Medio Rural, José González, asegurara a comezos de 2019 que o texto estaría listo na pasada lexislatura; porén, fontes da Consellaría fixan agora como data o primeiro semestre de 2022 para a súa tramitación no Parlamento.

"Como alcalde, non vin a Xunta por ningún lado"

Así as cousas, os rexedores da 'zona cero' dos incendios lamentan a falta de cooperación do Goberno galego neste tempo: "Eu, como alcalde de Nigrán, á Xunta non a vin por ningún lado", critica o rexedor, Juan Antonio González.

Aliás, afea que "non haxa unha política forestal nin de recuperación de espazos" por parte da Administración galega, e salienta que para o gran parque forestal do municipio recibe "axuda cero".

Xosé Manuel Rodríguez, alcalde das Neves, valora como "moi positivo" o traballo realizado pola veciñanza, mais ve "bastante negativo" o "apoio case inexistente" da Xunta, que é "quen ten competencia forestal".

O rexedor censura que até o pasado ano non se puxeron en marcha "pequenas accións", e pide "sensibilidade" ao Goberno para un plan de rexeneración do monte "nun territorio especialmente damnificado".

Por outra banda, nesta sexta feira a Mancomunidade de Montes de Vigo realizou un acto conmemorativo no miradoiro do parque forestal de Aguieira, a fin de reclamar "máis recursos" e emprazar a superar o "atranco administrativo" da Xunta e o Concello para impulsar o comprometido "anel verde".