O catedrático Ricardo Cao é elixido novo reitor da UDC

Ricardo Cao, quinto pola esquerda, após a proclamación dos resultados (Foto: E-ME Comunicación).
Entre os principais retos do seu mandato estarán a implantación da LOSU e a relevo xeracional do persoal.

Tras as votacións desta segunda feira, Ricardo Cao resultou elixido como reitor da Universidade da Coruña (UDC) para os vindeiros seis anos. Candidato de Nova Luce, Cao impúxose ao outro candidato, Fermín Navarrina.

Entre os principais retos do seu mandato estarán a implantación da LOSU e a relevo xeracional do persoal.

A súa candidatura foi elixida maioritariamente pola comunidade universitaria e precisamente a adaptación á LOSU será un dos retos inmediatos do novo mandato.

 O relevo xeracional, a internacionalización ou a procura de maior financiamento para a UDC serán outras das tarefas principais para este novo mandato.

Agradecemento

Cao quixo agradecer a participación de toda a comunidade universitaria, a das persoas que lle deron a súa confianza e a das que apoiaron a outra candidatura, porque cre que a participación é o fundamento da vida universitaria.

O reitor electo asegurou que el e o seu equipo traballarán “intensamente para facer da UDC a mellor universidade posíbel”.

A xornada

A súa elección tivo lugar nunha xornada con voto electrónico desde as 10 horas até as 19 horas e na cal estiveron chamados a participar 18.770 persoas, entre o profesorado, estudantado e persoal de Administración e Servizos.

O novo reitor, que substituirá no cargo a Julio Abalde -tamén de Nova Luce, e á fronte do reitorado coruñés desde hai oito anos- conseguiu 2.983 votos fronte aos 1.590 de Navarrina, máis de 65% de apoio en comparación co seu competidor, que foi algo superior ao 34%.

No caso das eleccións a reitor na UDC en 2019, a participación oscilou entre 87 e o 18% en función das distintas categorías, sendo o máis baixo entre o estudantado, como ocorreu tamén este ano.