O 'catastrazo', un ingreso extra para os concellos

Imaxe Ministerio de Facenda

Legalmente só as localidades intervidas economicamente están obrigadas a cobrar con carácter retroactivo a revisión catastral. Porén, moitos municipios galegos vén nesta fórmula unha fonte de financiamento "extraordinaria".

Fotos aéreas. Eis a fórmula empregada polo goberno español para aplicar a revisión catastral. Delas obteñen as dimensións para estabelecer a nova valoración. A medida "afectaba diversas alteracións", explica en conversa con Sermos Galiza, Balbino Fernández, avogado de Foz. Entre elas, mudanzas no uso por exemplo de vivendas a locais comerciais, transformacións en edificacións "que estaban en ruínas e que foron melloradas", "chans rústicos que pasan a ser considerados urbanos" ou viceversa e o máis polémico, a catalogación de "todas aquelas leiras, hórreos, adegas" e mesmo "invernadoiros de plástico" propios de explotacións agrarias. E é que após a revisión catastral construcións rurais até o de agora exentas do IBI como galiñeiros, cortes e galpóns, deben comezar a tributar. 

Dupla imposición e retroactividade

Neste senso, para alén da taxa de regularización, 60 euros cos que as persoas propietarias debían asumir os custes no que supón de facto unha "dupla imposición", sinala Balbino Fernández, moitos concellos optaron por reclamar o valor correspondente aos catro anos desde a entrada en vigor da reforma. "Coma todos os impostos non existe prescrición en catro anos", sinala Balbino Fernández.

Só os concellos intervidos economicamente teñen a obriga legal de aplicar o carácter retroactivo porén a maioría está a facelo para aumentar a recadación

Porén, a lei "deixaba case a vontade dos concellos aplicar o carácter retroactivo". "Só os que están inseridos no Plan de viabilidade, é dicir, os que están economicamente intervidos, estaban obrigados". Así as cousas, acrecenta, "a maioría tamén o están a facer porque supón un ingreso extraordinario e máis en tempos de crise", afirma, o que evidencia o obxectivo recadatorio da medida que atinxe, alías, outros impostos como o IRPF, o de Patrimonio, o Imposto de Plusvalía municipal en chans urbanos ou mesmo o de Sucesións nalgúns casos. 

Desde o BNG coidan que “a revisión do Catastro foi utilizada polo goberno do PP en Madrid para recadar dos veciños e veciñas de cada municipio os cartos que o Goberno do Estado deixou de entregarlles aos concellos nos últimos anos”.

Invernadoiros e faiados

Asemade, sinala Balbino Fernández, a reforma visa tamén "aproximar o valor catastral ao prezo de mercado" dos inmóbeis. Porén, prodúcense distorsións que son as que están a motivar a presentación de recursos. "Inclúense invernadoiros de 100 metros de plástico que nas fotografías aéreas parecen unha estrutura firme mais que non o é", explica. Aliás, en concellos como o de Foz "onde non hai PXOM" estanse a empregar "normas subsidiarias" que califican "fincas urbanas que non o eran". 

Son "valoracións moi complexas ás que eu mesmo teño que recurrir a un técnico moitas veces", afirma, "hai moi pouca xente que entenda como están feitas o que crea indefensión fronte á administración", o que motivou "algunha sentenza que deu a razón ao recurrinte". "Hai casos de vivendas do mesmo barrio con faiado, unha con fiestra a outra sen ela que foron consideradas nun caso vivenda e noutro almacén cando é o mesmo, un faiado é un faiado", asegura.