Caderno de verán

O castro de San Lourenzo: Un xacemento arqueolóxico na Pobra do Brollón

(Fot: Concello da Pobra)
A Terra de Lemos conservan un destacado patrimonio histórico que nos informa da nosa identidade e opera como un importante elemento de desenvolvemento local. O castro de San Lourenzo, situado na Cereixa e recuperado polo esforzo comunal dos seus veciños e veciñas, é unha mostra ben significativa do mesmo. 

Son miles dunha punta a outra da Galiza a deixar testemuño do ADN dos nosos lugares e das nosas parroquias. Ás veces ao carón do mar, cercados por unha xeografía inclemente, protexidos por foxos e contrafoxos, infórmanos dun pobo mariñeiro deitado no fin da terra europea. Tamén en promontorios ou espazos duros, gardados por valos e máis valos, aparecen croas que nos falan de labregos e labregas resistentes a moldear a terra con colleitas que sempre volven. E alí habitan os mouros e as mouras, técense encantos e vívense mundos doutro tempo que nos seguen marcando.

O castro de San Lourenzo é un deles. Situado na parroquia de Cereixa do concello da Pobra de Brollón, no corazón da Ribeira Sacra, linda cos núcleos de Eixón, Pinel, Castroncelos, Abrence, Fornelas e Chavaga, atópase moi próximo ás vilas de referencia da comarca, como Monforte de Lemos pero tamén a outras áreas da Galiza como Sarria, sendo moi doado o acceso ao mesmo. O asentamento localízase no lugar de Alende, á marxe dereita do río Saa, nunha pequena dorsal a medio camiño entre o chan do castro e o val fluvial.

O xacemento está formado por un recinto circular rodeado dunha muralla e un espazo anexo cara ao leste, sumando unha extensión de aproximadamente de 8.800 metros cadrados. O primeiro deles signifícase por atoparse defendido por un murado que nalgúns tramos da súa cara externa aínda conserva cachotaría levantada con coios de cuarcita. Ao tempo, esta parte do asentamento atópase divido por unha sorte de muro que discorre en dirección de norte a sur, situándose con toda probabilidade o aceso á croa no extremo noroeste, onde se empraza a cota máis alta do castro e onde, se cadra, se sitúe un posto de defensa ligado á entrada.

O espazo de pequenas dimensións delimitado por unha muralla ao leste do xacemento concentra as estruturas defensivas, cun dobre sistema de foxos e contrafoxos, na liña dosfoxos dúplices característicos dos castros mineiros romanos. Nesta área, a de maior accesibilidade para o viaxeiro, atópase o coñecido como Burato dos Mouros, situado no extremo do sur desta parte do asentamento e que os expertos consideran como a boca da mina. A este respecto, a equipa que lidera o proxecto, dirixida polo arqueólogo Xurxo Ayan, defende a similitude desta construción, de modo moi particular no seu sistema defensivo, con edificación semellantes nos castros mineiros da época romana da área do Eo Navia.

O castro de San Lourenzo semella asociado a unha antiga explotación mineira da época romana. A hipótese formulada polo persoal investigador que traballa no proxecto considera o asentamento como un poboado mineiro da época romana, que responde á vella tipoloxía construtiva dos castros galegos, cos seus característicos sistemas defensivos de grandes foxos, mais utilizándoos como partes necesarias para as tecnoloxías hidráulicas e de extracción do mineral ligadas ás novas actividades produtivas introducidas polos romanos. Nesta liña, sinalan que os castros mineiros se caracterizan por empregar a rede hidráulica para edificar os foxos do recinto, indicando para o caso de San Lourenzo que estes poden ter servido para canalizar auga para as frontes e gabias mineiras.

Os argumentos a favor desta formulación refórzanse con informacións achegadas desde diversas disciplinas. Se a localización do xacemento non responde á lóxica dos asentamentos característicos do período anterior á conquista romana, a etnografía achéganos dados da existencia dunha mina de ferro no lugar coñecido como O Burato dos Mouros. Ao tempo, nas proximidades do castro a toponimia fálanos dun lugar coñecido como O Escourial, sendo numerosas as escouras de ferro resultado da aplicación dunha tecnoloxía de procesado do mineral con sangrado da escoura, introducidos polo imperio romano na área da vella Gallaecia.

A explicación, recuperación e posta en valor do castro de San Lourenzo é un traballo aberto, en construción e que require de tempo. A iniciativa esta  impulsada pola Asociación de Veciños María Castaña da Cereixa e promovida polo Grupo de Investigación en Patrimonio Construída do País Vasco, o Instituto de Ciencias do Patrimonio do Centro Superior de Investigacións Científicas, Cátedra Unesco de Paisaxes Culturais e Patrimonio e Concello da Pobra de Brollón. A equipa que coordina o proxecto e a investigación está dirixida por Xurxo Ayán e del fan parte entre outros Manuel Antonio Franco, Pastor Fábrega, César Parcero, Sonia García ou Cristina Sánchez-Carretero.

María Castaña

Os tempos de María Castaña eran os daquela Galiza rebelde da segunda metade do século XIV, que loitaba por vivir arredada de Castela, unida a Portugal, hexemónica no espazo ibérico e ligada aos pobos atlánticos. As terras de María Castaña eran as da Cereixa, cuxo couto, segundo algúns autores, foi propiedade da súa familia. María Castiñeira, na tradición oral e literaria María Castaña, era unha fidalga da Terra de Lemos que á volta de 1386 liderou unha revolta contra o bispo de Lugo, séndolle confiscados todos os seus bens, entre eles o couto da Cereixa

A batalla de Chavaga

O 20 de abril de 1946 escribiuse a páxina final da historia da II Agrupación do Exército Guerrilleiro da Galiza nas proximidades da Cereixa. Un grupo de arredor de 50 números da Garda Civil cercaron na parroquia monfortina de Chavaga varias casas de seguridade da guerrilla, rematando co asasinato dos loitadores antifascistas Evaristo González 'O Roces', Mario Morán, Julián Acebo Alberca 'O Gardiña', Gregorio Colmenero Fernández 'O Porreto' e os irmáns Ramón e María López Casanova. A caída provocou centos de detencións en toda a zona, entre elas as de varios veciños da Cereixa.

Esta peza publicouse con 'máis', suplemento de agosto de Nós Diario que podes adquirir en quioscos ou na nosa loxa.