Xornadas en Redondela e Pontevedra 3 e 4 de maio

Casto Sampedro, na procura dunha antropoloxía galega

O folclorista Casto Sampedro nun detalle do cartel das xornadas que levan o seu nome en Redondela e Pontevedra. Imaxe: cedida.

Os labores e preocupacións de Casto Sampedro (Redondela, 11848-Pontevedra, 1937) foron amplos. Folclorista, arqueólogo, historiador, musicólogo, a súa figura serve como escusa ás primeira xornadas que levan o seu nome e que decorrerán entre Redondela e Pontevedra o 3 e o 4 de maio.
 

Impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística de Redondela coa colaboración da Deputación de Pontevedra e organizadas por este concello, o de Pontevedra e a Sociedade de Antropoloxía Galega, o ciclo de conferencias e actividades didácticas servirá tamén para debater e reflexionar “sobre a ausencia dun grao ou licenciatura en Antropoloxía en Galiza”, sinalan os promotores.

 

A sexta feira, 3 de maio, a Casa da Cultura de Redondela acollerá catro conferencias e unha mesa redonda final. Será a partir das cinco e media da tarde. O antropólogo Rafael Quintía e a etnomusicóloga Xulia Feixoo encargaranse da apertura. O musicólogo Xavier Groba falará des pois “ao ronsel de Casto Sampedro”: Estado actual da etnomusicoloxía galega. Beatriz Busto disertará baixo o título Galicia conxelada: a necesidade da reflexión antropolóxica na actualidade. O arqueólogo Rafael Rodríguez ofrecerá a palestra Entre sachadores e burócratas. Unha ollada á arqueoloxía galega actual.

 

O sábado 4 de maio, as xornadas desprázanse a Pontevedra, con dúas actividades didácticas. Serán nas ruínas de San Domingos, a partir das 10.30 horas: unha actuación dos Trubincos do Batán -música tradicional- e o roteiro Tras as pegadas de Casto Sampedro en Pontevedra, dirixido polo historiador da arte Telmo Crespo.