Castells, ministro de Universidades: "A política do Ministerio é favorábel á creación de universidades privadas"

O ministro de Universidades, Manuel Castells (Foto: Borja Puig/Moncloa).

Sempre e cando, dixo, sexan “de calidade”.

O ministro de Universidades, Manuel Castells, afirmou ser favorábel á creación de universidades privadas, a condición de que sexan "de calidade" e non "negocios", xa que "aumentan a oferta educativa". Así o sinalou esta quinta feira na Comisión de Ciencia, Innovación e Universidades do Senado, onde deu conta dos obxectivos do seu Departamento para este ano 2021.

Na Galiza está actualmente en tramitación da universidade privada impulsada desde Abanca e que ten a oposición de boa parte da comunidade educativa.

Durante a súa comparecencia, o ministro lembrou que o seu Ministerio está a preparar un Real Decreto (que substituirá ao Real Decreto 420/2015) que establecerá novos requisitos para a creación e recoñecemento de universidades, tanto públicas como privadas, que garantan a calidade dos ensinos universitarios.

Segundo manifestou, este novo Real Decreto non suporá de ningún modo "unha molestia" á creación de universidades privadas, senón "máis ben ao contrario". "A política do Ministerio é favorábel á creación de universidades privadas", afirmou.

Neste sentido, recoñece que tamén poderá haber "toda clase de centros e escolas que non sexan universidades", pero para este caso, terán que crearse e rexerse "seguindo a normativa xeral de empresas". "Non temos ningún problema con iso", asegurou Castells, que con todo quere que estes centros "non induzan a engano os estudantes" ao definirse como universidades.

"Apoiamos as universidades privadas de calidade, pero aseguramos que sexan universidades, que non sexan negocios ", dixo.

En calquera caso, deixou claro que a universidade pública é a "prioridade absoluta" das políticas do seu Ministerio, xa que "é a universidade que pagan todos os españois e ha de estar ao servizo do conxunto da sociedade".

O Real Decreto xa ten o informe favorable do Consello de Universidades e da Comisión Delegada da Conferencia Xeral de Política Universitaria desde o mes de febreiro e está "na última fase de tramitación antes de ser aprobado polo Consello de Ministros", segundo avanzou.