Os casos de varíola dos macacos na Galiza ascenden até os 71

Erupción da varíola do mono. (Foto: Europa Press)
Supoñen 29 máis que os rexistrados na segunda feira.

O Ministerio de Sanidade notificou esta sexta feira 71 casos de varíola do mono na Galiza, 29 máis que os 42 rexistrados na segunda feira. 

En total, son 4.942 contaxios confirmados de varíola dos macacos. En canto á cifra de persoas falecidas, mantense en dúas, segundo os datos recollidos pola Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica (Renave). 

Por autonomías, a distribución é a seguinte: Madrid 1.817, Catalunya 1.558, Andalucía 601, Comunitat Valenciana 284, País Vasco 130, Canarias 118, Baleares 111, Aragón 47, Galicia 71, Asturias 47, Castela e León 41, Castela A Mancha 36, Murcia 26, Estremadura 21, Cantabria 18, Navarra 12 e A Rioxa 4.

Dos pacientes, un total de 4.863 son homes e 79 son mulleres. En canto á idade, oscila entre os 10 meses e os 88 anos, cunha mediana de idade de 37 anos.

Sintomatoloxía

Entre os pacientes con información clínica, presentaron principalmente exantema anoxenital (59,4%), febre (55,1%), exantema noutras localizacións (non anoxenital nin oral-bucal) (51,8%) e linfadenopatías (50,7%).

Un total de 237 pacientes dos 3.546 (6,9%) presentaron complicacións ao longo do seu proceso clínico. As máis frecuentes foron as úlceras bucais e as infeccións bacterianas secundarias.

Dos 4.436 pacientes con información dispoñíbel, 139 casos foron hospitalizados (2,8%), dos que dúas persoas remataron falecendo. Segundo recalca Sanidade, dita información foi comunicada á Organización Mundial da Saúde (OMS) e á Comisión Europea (CE).