De "casos illados" a cuestión de Estado: así evolucionou o tratamento da violencia machista

Manifestación en Compostela o pasado 8 de marzo (Foto: Arxina).
Oito de cada dez galegas e galegos consideran as violencias machistas "un problema social que compromete todas as persoas". Nos últimos anos a sociedade ten dado pasos significativos na concienciación sobre estes crimes, se ben tanto nas rúas como por parte dos medios de comunicación queda aínda "moito que facer".

Pasaron xa 24 anos desde que o asasinato de Ana Orantes a mans do seu marido, dúas semanas após relatar en televisión os malos tratos e abusos aos que era sometida, situou no debate público a violencia machista en todo o Estado. Naquela altura a prensa aínda falaba de "crimes de paixón", e boa parte da sociedade referíase á violencia exercida contra a muller como "cuestións do ámbito privado".

Desde entón, na Galiza foron asasinadas máis de 70 mulleres polas súas parellas ou ex parellas. Moitas cousas mudaron neste tempo, e así o evidencia o informe Percepción da sociedade galega sobre a violencia de xénero 2020, elaborado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta.

Oito de cada dez persoas enquisadas apuntaron que as violencias machistas son "un problema social que compromete todas as persoas", 14% máis que as que secundaban esta afirmación en 2012. A práctica totalidade da poboación, segundo esta enquisa, recoñece como "moi graves" os abusos sexuais as agresións físicas ou a violencia vicaria.

Porén, non todos os datos son positivos. Unha de cada catro persoas cre que revisar o móbil da parella, condicionar a súa vestimenta ou pór atrancos para que non vexa as súas amizades son exemplos "leves" de violencia machista. E 15% dos homes enquisados cre que as mulleres vítimas de agresións sexuais "non tiveron suficiente coidado" ou "en ocasións provocaron o agresor dalgunha forma".

"Campañas como En negro contra as violencias axudaron a concienciar non só sobre os casos máis graves, os feminicidios, senón tamén todas as violencias que vivimos a diario mais non son tan visíbeis. É o que denominamos a metáfora do iceberg", sinala a Nós Diario a educadora social e responsábel do grupo de traballo Fiadeiras do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais da Galiza (Ceesg), Raquel López Fernández.

Por unha banda, salienta que a sociedade "rachou coa idea de que o que pasa na casa queda aí" e que calquera caso de violencia machista "é unha cuestión política que afecta a todas", mais advirte tamén de que "agroman discursos negacionistas destas cuestións".

Neste senso, López apunta tamén que "aínda se segue a romantizar o control da parella como unha mostra de amor", e, se ben as redes sociais constitúen un dos factores que "máis influíu" nisto, tamén as ve como unha ferramenta "aliada para construír novos discursos". "Obviamente, como educadoras cremos que a educación é esencial e ten que vir desde abaixo, traballando na prevención [das condutas machistas], e para iso podemos empregar ferramentas como as redes sociais, os medios de comunicación, o audiovisual...", explica.

Así as cousas, lamenta que o 25-N coincida coa semana do Black Friday: "Vemos moitos comercios tinguidos de negro, mais non sabemos se por razóns comerciais ou para apoiaren a campaña. Esta xornada non pode perder o seu significado", sentencia.

A visión dos medios e a perspectiva de xénero

Alba Taladrid Díez, presidenta do colectivo Xornalistas Galegas, ve na meirande parte dos medios de comunicación un "posicionamento editorial co feminismo, cando menos na teoría", e destaca positivamente que a prensa deixara de abordar os crimes machistas como "de paixón" ou de "violencia doméstica", restrinxíndoos ao fogar malia que a violencia "tamén está fóra dese ámbito".

Con todo, considera que o "morbo" segue a estar presente en moitas informacións: "A espectacularización dos discursos xa é reprobábel desde o punto de vista deontolóxico, e máis grave aínda nos casos de violencia machista. E os asasinatos non son casos illados para unha crónica de sucesos, todos teñen que ver co resto porque nos matan por sermos mulleres".

Salienta, así mesmo, como este mesmo ano saíu á palestra a violencia vicaria a través do mediático caso da artista Rocío Carrasco: "Se ben observamos moitos problemas no tratamento e malas prácticas por parte dos medios, puxo en prime time o discurso en primeira persoa dunha vítima da violencia vicaria, que quizais non era tan coñecida ou non tiñamos tanta conciencia, mais é a forma máis cruel de violencia contra a muller. Os fillos das vítimas son tamén vítimas da violencia de xénero, e así deben ser considerados, tamén na prensa", expón.

Para Taladrid Díez, todo medio debera contar cun departamento ou figura referente para cuestións de xénero, "que vele pola transversalidade dos contidos feministas". "É imprescindíbel, se concibimos o xornalismo como un servizo público, traballar con rigor e con perspectiva de xénero, xa que a violencia machista é unha problemática social estrutural. De pouco serve dar un correcto tratamento a un caso de violencia machista se logo admites anuncios de prostitución no teu xornal", argumenta.

Aliás, afirma que "tamén hai casos positivos" no tratamento mediático da violencia machista, e defende que isto "depende de cadaquén". "Ninguén nace aprendido, todas vimos dun contexto patriarcal e machista e calquera pode consultar as moitas guías que hai se ten vontade e interese en formarse e aprender", di.