Os casos da variante ómicron elévanse a 12 en Galiza após se rexistrar tres máis na área de Vigo

Unha sanitaria realiza unha proba do virus. (Foto: Europa Press)
"A variante avanza", recoñeceu o conselleiro de Sanidade.

Os casos da variante ómicron elévanse a 12 en Galiza, após confirmarse tres novos na área de Vigo, segundo informou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha comparecencia ante os xornalistas na visita ao centro de saúde dos Mallos.

Este tres novos positivos súmanse ao nove confirmados nas últimas horas, deles seis na área sanitaria da Coruña e Cee e outro tres tamén na de Vigo.

Os dous primeiros casos desta cepa -un deles, dunha persona que viaxara a África- foron anunciados a pasada sexta feira polo presidente da Xunta, Núñez Feixoo.

"A variante avanza", recoñeceu o conselleiro, quen, por iso, considerou que hai que estar "máis atentos". "Hai que lanzar unha mensaxe de preocupación co desenvolvemento desta variante de maneira rápida", admitiu, apelando, para reducir contaxios, á responsabilidade individual.

O comité clínico que asesora á Xunta no marco da pandemia pola Covid-19 traballa en "recomendacións" como limitar as reunións a "8-10 persoas" no marco das celebracións do Nadal en función da evolución epidemiolóxica por este coronavirus.

Así o ratificou o conselleiro de Sanidade,a segunda feira ao ser preguntado sobre a situación de Galiza pola Covid-19 e as novas medidas que estuda a Xunta. Neste sentido, o titular de Sanidade reivindicou o uso do certificado Covid "para garantir espazos máis seguros", así como para "animar á vacinación".

Por iso, explicou que na actualidade xa é requirido para acceder, ademais da hostalaría, a hospitais, e agora a Xunta pediu autorización ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) para estender o seu uso para entrar en cinemas e "lugares onde se come e bebe dentro do espazo" como nesas salas, así como en eventos masivos.

Sobre o traballo do comité clínico que asesora á Xunta durante a pandemia, Comesaña reiterou que traballa con "recomendacións" como limitar o número de persoas a un rango de oito ou dez en reunións de cara ás festas do Nadal, do mesmo xeito que se fixo no ámbito da hostalaría, que baixou " de 10 a 8", lembrou.