Os casos de coronavirus dispáranse nos centros de maiores da Galiza

Portal da residencia de maiores do Incio (Imaxe: Carlos Castro / Europa Press)
O coronavirus non deixa de medrar nos centros de maiores da Galiza. Mentres a residencia da Fundación San Rosendo no Incio sumou sete mortes nos últimos días, o número de positivos desbórdase nos xeriátricos de DomusVi en Outeiro de Rei e de Orpea en Culleredo

O centro de maiores da Fundación San Rosendo no Incio atópase á cabeza no número de positivos e mortes das residencias galegas desde o levantamento do estado de alarma. Segundo os datos achegados desde a Consellaría de Política Social, este xeriátrico suma 90 positivos entre os usuarios e 27 entre os traballadores, falecendo seis persoas desde o comezo deste gromo, que os responsábeis do centro asocian a un traballador contaxiado residente en Monforte.

As fontes da Xunta da Galiza consultadas por Nós Diario destacan o alcance da infección, que afecta xa a 88,4% dos residentes, así como a súa rápida expansión, o que levanta dúbidas arredor da xestión da emerxencia sanitaria.

O Goberno galego decidiu intervir o centro de maiores do Incio o 20 de agosto, mais sen lograr controlar os contaxios. O número de positivos aumentou desde aquela altura en 31 persoas no colectivo de residentes e en 19 no de traballadores, o que demostra, en palabras de persoal de Política Social, que “os protocolos aplicados teñen fallado de maneira clara”. Neste sentido, a decisión do Goberno galego de apartar a Fundación San Rosendo da xestión do centro e de asumir directamente a súa dirección está vinculada á falla de medios do operador ourensán para poder fronte á situación, que está lonxe de solucionarse.

O titular do centros de maiores do Incio é o segundo operador de servizos de xeriatría da Galiza. A Fundación San Rosendo dá emprego a máis de 1.670 persoas, dispón dun orzamento de 53,8 millóns de euros, declara 3.600 prazas asistenciais e conta con 67 centros, a maioría deles concentrados nas comarcas do interior sur da Galiza, onde xurdiu o grupo baixo o patrocinio do bispado e o impulso do crego Benigno Moure.

Moure foi condenado en 2008 a cinco anos de prisión por apropiación indebida a unha muller con alzheimer ingresada nunha das súas residencias. A realidade da Fundación San Rosendo non se explica sen a relación de apoio mutuo co Partido Popular e moi particularmente co clan Baltar.

DomusVi Outeiro de Rei

Os contaxios na residencia de DomusVi de Outeiro de Rei disparáronse nas últimas horas. Se á volta da quinta feira coñecíanse os primeiros casos, relativos a dúas traballadoras temporais ligadas, segundo a empresa, ao surto de Lugo, o domingo a cifra subiu a 23 persoas, ascendendo a 39 positivos na segunda feira. Segundo puido saber Nós Diario, o groso dos positivos concéntranse na primeira e na terceira planta, atopándose actualmente os residentes confinados en función dos protocolos estabelecidos nas súas habitacións, a maior parte dos cales son dobres, aspecto que aumenta o risco dos usuarios.

O persoal especializado de Política Social consultado por Nós Diario observa con “preocupación” a situación do complexo residencial de Outeiro de Rei. Neste sentido, destacan que “o tamaño do centro tense demostrado un factor chave para a extensión do virus durante a primeira vaga da pandemia e este xeriátrico conta con 190 prazas”. Ao tempo, desde as asociacións de familiares de usuarios lembran “a situación de precariedade do persoal dos centros de DomusVi” e recordan “o incumprimento das ratios fixadas pola normativa vixente na Galiza”.

A situación do centro de maiores de Outeiro volve colocar no punto de mira DomusVi, o principal operador de servizos de xeriatría na Galiza, con 29 estabelecementos no país. O grupo é propiedade do fondo británico Intermediate Capital Group (ICG) e do magnate francés do negocio da xeriatría Yves Journel, estando dirixido por Josefina Fernadez, cuxas relacións coa Xunta da Galiza son coñecidas. DomusVi concentrou na primeira vaga da pandemia o maior numero de vítimas mortais das residencias galegas, destacando a taxa de letalidade dos seus centros de San Lázaro, en Santiago de Compostela; Aldán en Cangas e O Barreiro, en Vigo.

Orpea, en Culleredo

O centro de maiores do grupo Orpea en Culleredo é outro dos puntos quentes das residencias galegas. Así, Política Social certifica 29 positivos entre os residentes e 5 entre os traballadores, após confirmarse 16 novos casos na xornada do domingo nun xeriátrico onde nos últimos días faleceron dous usuarios. A resposta da dirección do centro diante do surto está a provocar un gran malestar entre os familiares dos preto de 200 residentes, que se queixan do carácter contraditorio da información achegada.

A presenza de Orpea na Galiza limítase a Culleredo e Lugo, malia tratarse doutro dos grandes xigantes dos servizos de xeriatría. A compañía ten como accionistas de referencia o fondo de investimento canadense Canada Pension Plan Investment Board (CPPIB), o fondo de investimento FFP Invest da familia francesa Peugeot e o grupo Sofina SA, da familia belga Boël.

As defuncións concéntranse no sector privado

O gromos das residencias de DomusVi en Outeiro de Rei, de Orpea de Culleredo e da Fundación San Rosendo no Incio dan conta da situación de risco na que se atopan os usuarios dos centros de maiores.

A mortalidade nas residencias de xestión ou titularidade privada suma 44,58% do total das defuncións producidas no país polo coronavirus, presentando unha porcentaxe de mortes moi superior aos centros públicos que, malia a significaren 22,8% das prazas da Galiza, concentran 1% dos falecidos durante a pandemia.

A maior letalidade nas residencias privadas vén derivada da súa falla de medios, da precariedade dos servizos e do incumprimento da propia normativa, tal é como demostran as actas do servizo de inspección da Consellaría de Política Social das que ten dado conta Nós Diario.