Os casos activos seguen en aumento por terceira xornada consecutiva, até os 3.122

Un home pasa diante dunha terraza recollida en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

Os novos  contaxios incrementan en 230 e os pacientes Covid ingresados soben a 211.

Os novos  contaxios de Covid-19 repuntaron a 230 e os pacientes hospitalizados debido a este coronavirus aumentaron a 211 -catro máis-, mentres que os casos activos manteñen a tendencia ascendente por terceira xornada consecutiva e soben a 3.122, ao haber de novo máis  contaxios que altas.

Así se desprende dos datos actualizados na mañá desta quinta feira pola Consellaría de  Sanidade con rexistros até as 18:00 horas desta cuarta feira, que indican que soben a 47 os pacientes  Covid en UCI -tres máis- e a 164 os que permanecen noutras unidades -un máis-.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta nas da Coruña-Cee, Ourense e Vigo; mentres que se mantén nas de Santiago-Barbanza, Pontevedra-O Salnés, Ferrol e Lugo.

Pola súa banda, os casos activos de Covid-19, despois do lixeiro descenso do inicio desta semana, seguen con tendencia ascendente por terceira xornada consecutiva e sitúanse nos 3.122, o que supón 74 máis que a xornada anterior, ao haber máis  contaxios (230) que altas (155), aos que se suma outro falecido.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden só na da Coruña e Cee (-7), mentres que aumentan nas outras seis: Vigo (+28), Pontevedra e O Salnés (+21), Santiago e Barbanza (+11), Ourense (+10), Ferrol (+7) e Lugo (+4).

Así, a área de Vigo prosegue á cabeza con máis casos activos na Galiza, con 934; seguida da Coruña e Cee, con 743; Pontevedra e O Salnés, con 499; Santiago e Barbanza, con 358; Ourense, con 264; Lugo, con 219; e á cola mantense Ferrol, con 105.

En canto a novos  contaxios detectados con calquera tipo de proba, volveron repuntar por riba dos 200 até os 230, que supón 34 máis que a xornada anterior, após iniciar a semana con 159, descender a 127 a terza e aumentar a 196 esta cuarta.

Galiza, en concreto, confirmou 211 positivos de Covid-19 por  PCR nas últimas 24 horas, 37 máis que a xornada anterior, dos cales 71 corresponden á área de Vigo; 33, á da Coruña e Cee; 28, á de Santiago e Barbanza; 27, á de Ourense; e outros 27 á de Pontevedra e O Salnés; 18, á de Lugo; e sete, á de Ferrol.

Pola súa banda, a taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test  PCR realizados- mantense nun 2%. Así, continúa sen superar o 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Galiza rexistra 2.386 persoas falecidas diagnosticadas de Covid-19 despois de notificar a Consellería de  Sanidade esta cuarta feira unha nova vítima mortal.