Os casos activos nos xeriátricos caen até os 321 após curar 16 usuarias do Incio

Aumentan os contaxios entre o persoal da residencia do Incio. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Consellaría de Política Social insistiu en que a maior incidencia mantense no centro DomusVi Lugo, de Outeiro de Rei. No entanto, polo momento a instalación do Incio tampouco deixou de estar intervida pola Xunta.

Os centros residenciais rexistran hoxe un total de 321 casos activos da Covid-19, dos que 236 se corresponden con usuarios -baixan en 14- e outros 85, con persoas dos cadros de persoal. Neste último caso suben os contaxios en oito, todos eles na residencia do Incio.

Os datos de noite de onte, cos que conta a Consellaría de Política Social, indican que os infectados en xeriátricos galegos baixan tras as altas recibidas por 16 usuarios do Incio. Pese á boa nova, a detección dun novo caso entre os internos coloca a cifra de contaxios en 60.

No entanto, o principal punto de expansión do virus na rede das residencias galegas está en DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei, intervida pola Xunta ao igual que no caso do Incio. Neste centro, a detección dun novo caso sitúa o total de persoas afectadas en 142.

A maiores, tamén contan con efectos da pandemia entre as e os seus usuarios a residencia Orpea Coruña, en Culleredo (26); DomusVi Lalín (5); e as residencias Castro Ribeiras do Lea, en Castro de Rei, a Os Gozos, en Pereiro de Aguiar, e a de Arteixo, cunha doente cada unha.

A pesar da baixada dos casos totais entre os internos, o parte deste domingo sobe o número de traballadores que deron positivo a 85, sete máis, despois de detectarse oito novos entre o persoal da residencia do Incio.

Neste centro, son xa 36 os empregados enfermos, o que o converte no principal foco. Tamén conta cun número importante de traballadores contaxiados a DomusVi Lugo, cun total de 22.

Os centros de atención á discapacidade, pola súa parte, teñen 17 positivos confirmados até o momento. A maioría déronse na residencia Ricardo Baro de Aspronaga, en Oleiros, con 12 usuarios afectados e 2 membros do persoal. O resto de positivos rexístranse na residencia Aspace da Coruña, A Braña na Estrada e Juan Vidán Torres de Santiago, cun positivo entre as empregadas en cada unha.