Os casos activos na Galiza baixan dos 20.000 e os novos contaxios non chegan aos 1.000 diarios

Persoal sanitario atende na UCI un paciente de Covid-19 (Foto: Europa Press).
As hospitalizacións tamén descenden até as 448, (oito menos) e a taxa de positividade baixa até 11,1%

A tendencia descendente dos casos activos de Covid-19 na Galiza mantense máis un día, con 1.526 infeccións menos do que o día anterior e co que se deixa atrás a barreira dos 20.000. Os novos contaxios tamén baixan, por baixo dos 1.000; así como os pacientes hospitalizados por coronavirus, que descenden até o 448 (oito menos) e a taxa de positividade baixa até 11,1% no conxunto do país.

Segundo os datos actualizados hoxe  pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18,00 horas de onte, baixan a 24 os pacientes ingresados en UCI debido á Covid-19 na Galiza (un menos) e descenden a 424 os hospitalizados en unidades convencionais (sete menos).

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta na de Ourense, con 64 pacientes en unidades convencionais e catro en UCI (sen mudanzas) e mantense sen cambios na de Lugo, que continúa sen ingresados en críticos pero que conta con 47 en planta.

Pola súa parte, a carga asistencial descende nas áreas restantes. Así, a da Coruña rexistra 92 pacientes en planta (cinco menos) e oito en críticos (un máis) e a de Pontevedra conta con 67 hospitalizados en unidades convencionais (catro menos) e dous en UCI (sen cambios).

Tamén baixa a presión en Ferrol, con 39 ingresados en planta (un máis), e con dous pacientes en coidados intensivos (dous menos), en Santiago, con 65 ingresados en planta (catro menos) e seis en UCI (sen cambios) e en Vigo, que conta con 50 pacientes en unidades convencionais (un menos) e dous en críticos (sen mudanzas).

Baixan os contaxios

Os novos contaxios de Covid-19, polo seu lado, tamén descenden até os 952 nas últimas 24 horas, co que fican por baixo dos 1.000 diarios. Este sábado xa rexistraron un descenso, roldando os 1.200, após varios días por encima dos 1.600 (concretamente 1.682 a sexta feira, 1.676 a quinta feira, após os 1.582 rexistrados esta cuarta feira, os 1.711 da terza feira e comezar a semana con 1.063, a que era a cifra máis baixa do ano).

Deste modo, os contaxiados ascenden na Galiza a 496.345, dos cales 117.432 corresponden á área de Vigo; 104.124, á da Coruña e Cee; 77.951, á de Santiago e Barbanza; 59.121, á de Ourense; 57.321, á de Pontevedra e O Salnés; 51.824 á de Lugo; e 27.975, á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade, baixa a 11,1% desde o 15,59% rexistrado o sábado, após marcar un 14,21% na sexta feira, descender a 11,38% esta quinta feira, despois de subir a 13,73% esta cuarta feira, baixar a 11,33% a terza feira e arrincar esta semana con 13,7%. Por tanto, segue por encima do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

Falecementos e curados

Pola súa parte, as persoas falecidas pola Covid-19 desde o inicio desta pandemia aumentan a 3.098 na Galiza despois de notificar hoxe a Consellaría de Sanidade dúas novas vítimas, todas elas con patoloxías previas e que corresponden a varias xornadas.

O 22 de febreiro rexistrouse o falecemento dun home de 44 anos na área sanitaria da Coruña e Cee e o 24 de febreiro o óbito dun home de 90 anos na área sanitaria de Ourense.

Mentres, curaron da Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria 473.532 persoas, após recibir o alta outras 2.476 na última xornada no noso país.