Galiza resiste ante unha posíbel cuarta vaga e continúa a reducir o número de casos activos

Un enfermo de coronavirus ingresado nun hospital. (Foto: Juan Diego Montenegro / DPA)
Malia que hai un pequeno incremento dos contaxios -nun momento no que se disparan noutros territorios e mesmo en Portugal fálase de incrementar as restricións ante unha posíbel cuarta vaga da pandemia-, no país mantense unha lixeira tendencia descendente. Os datos facilitados este sábado pola Consellaría de Sanidade falan de 2.357 persoas que seguen infectadas.

Malia que nalgunhas zonas do Estado español e doutros países xa se fala dunha posíbel cuarta vaga da epidemia  -como é o caso de Portugal-, Galiza parece evolucionar de forma favorábel. Polo menos no que se refire aos casos activos, pois nas estatísticas desde sábado revélase unha pequena baixada que dá continuidade á tendencia destes últimos días.

En concreto, a Consellaría de Sanidade fala de 2.357 casos activos fronte aos 2.403 de onte, con 111.825 persoas xa curadas. No entanto, houbo 152 novos contaxios. Isto implica que son 37 máis que o día anterior.

Dos doentes que seguen a dar positivo, 891 pertencen á área sanitaria da Coruña e 537 á de Vigo. A seguinte demarcación máis afectada é a de Compostela con 254 persoas a infectadas. En Pontevedra quedan 206, mentres que en Lugo 167 e en Ourense 145. No caso de Ferrol as autoridades sanitarias falan de 157.

Ao analizar a situación global, a maior parte das e dos afectados están baixo atención domiciliaria, mentres que 32 fican nas Unidades de Coidados Intensivos da rede hospitalaria galega e outros 172 están en unidades de hospitalización. A boa nova é que se reducen os ingresos en ambos casos en catro e seis cidadás, respectivamente.

A Xunta destaca que o número de PCR realizadas até este momento é de 1.828.763. Respecto á taxa de positividade, notouse un ascenso ao 2,8% mentres que na sexta feira era dun 1,7%. No entanto, no comezo da Semana Santa, o país está por debaixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) estabelece para considerar controlada a evolución epidemiolóxica.

A cifra de falecementos chegou xa aos 2.332, dos que preto de 800 segundo os datos oficiais tiveron algún tipo de relación coas residencias de maiores, un dos puntos febles desde que a Covid-19 chegou a Galiza.

Escolas e residencias

Por outra parte, fontes do departamento que dirixe Julio García Comesaña indican que agora mesmo hai 446 casos activos nas escolas, o que fai que 9 aulas permanezan fechadas, se ben hai que ter en conta que estes días as crianzas disporán de vacacións. Por iso, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, chamou á "responsabilidade" para "evitar contactos sociais" na medida do posíbel.

Nos centros de maiores quedan activos 17 casos, dos que 13 son de usuarias e usuarios e 11 deles están no xeriátrico de Silleda. Outros dous pertencen á Santa Mariña de Xinzo.