Tres novos falecementos e preto de 3.300 casos activos na Galiza

Un sanitario realiza unha proba para detectar posíbeis positivos da COVID-19.
A Consellaría de Sanidade comunica a existencia de 3.294 casos activos e dous novos falecementos por Covid-19 nas últimas horas, unha muller de 85 anos no CHUAC e un home de 71 no CHUO, ambos con patoloxías previas.

Segue a medrar o número de casos activos da Covid-19 na Galiza. Este sábado de persoas con afección polo coronavirus ascendeu a 3.294. Ademais, nas últimas horas rexistráronse novos falecementos, que elevan o número de vítimas pola pademia a 638. As últimas correspóndense cun usuario da residencia do Incio, unha muller de 85 anos que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), e un varón de 71 anos que estaba a ser atendido no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), todos con patoloxías previas.

Os datos actualizados pola Consellería de Sanidade reflexan que hai 15 persoas na UCI, tres máis que esta sexta feira, 112 en unidades de hospitalización convencional e 3.167 están tendo un seguimento nos seus domicilios.

Dos 3.294 casos que seguen activos, 1.376 circunscríbense á área sanitaria da Coruña e Cee (24 máis que onte) e 473 á de Compostela, o que supuxo contabilizar 23 novas doentes en só unha xornada. Na demarcación sanitaria de Lugo hai 604 afectadas e afectados (cunha evolución de 57 persoas á alza). O resto dos positivos repártense en 209 en Vigo (40 máis); 205 en Pontevedra e O Salnés (dezaoito a maiores); 300 en Ourense, con 8 avisos novos, e 127 á de Ferrol (catro máis). As PCR practicadas ascenden a 327.257.

Desde Sanidade quixeron destacar que, até esta sexta feira, curáronse 12.438 galegas e galegos, 146 máis que esta quinta feira. O dato refírese a todo o tempo de afección da pandemia do coronavirus, polo que xa morreron no país 638 persoas. De feito, 135 das e dos afectados faleceron nos propios xeriátricos. Do cómputo global, 148 afectados e afectadas teñen vínculos con centros residenciais, sendo 101 as persoas usuarias e 47 dos cadros de persoal.