Xustiza

A xuíza do 'caso Déborah' alonga a instrución seis meses máis a falta do resultado de varias probas

Concentración en Vigo, o pasado decembro, contra a "impunidade" no 'caso Déborah'. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
O ex mozo da viguesa Déborah Fernández-Cervera, cuxo corpo foi achado sen vida nunha gabia do Rosal en 2002, foi imputado en febreiro e, segundo un informe de lingüística forense, "faltou á verdade" durante o xuízo.

A titular do Xulgado de Instrución número 2 de Tui decidiu alongar seis meses máis a instrución do caso de Déborah Fernández-Cervera, a moza viguesa achada sen vida nunha gabia do Rosal no ano 2002.

Segundo fontes xudiciais consultadas por Europa Press, este novo paso no caso, que chega logo de que pasasen xa 20 anos do suceso, prodúcese a pesar de que non se propuxeron máis probas, aínda que si falta coñecer o resultado de varias dilixencias.

Con todo, as mesmas fontes explicaron que as probas solicitadas e aceptadas practicaríanse aínda que non se prorrogase a instrución, polo que agora o proceso alongarase e previsibelmente serán incluídas as investigacións sobre o disco duro do computador da moza falecida, que foi presuntamente manipulado, no canto de abrir unha peza a maiores sobre esta cuestión.

Aliás, desta maneira a titular do Xulgado de Tui tamén evita, polo de agora, decidir sobre transformar as dilixencias do 'caso Déborah' nun procedemento de tribunal de xurado, como xa solicitaron as familias.

Déborah Fernández-Cervera foi achada morta nunha gabia do Rosal en 2002. A investigación xudicial pola desaparición e falecemento da moza arquivouse en 2010 sen que se detivo nin imputado a ninguén.

O ex mozo de Déborah foi formalmente imputado o pasado febreiro

En novembro de 2019 reabriuse o caso por parte do xulgado, e en febreiro de 2022 imputouse formalmente na causa Pablo P.S-L., o ex mozo da vítima.

A finais de abril pasado fixéronse dúas décadas da desaparición da moza e, alcanzado o prazo de prescrición, non se poderá imputar a ninguén máis en relación con este caso.