O Casino 1889 de Carballo busca resistir o impacto da especulación inmobiliaria

O Casino de Carballo é un dos motores culturais da vila con case 300 persoas socias, o triplo que hai catro anos. (Foto: Nós Diario)
Comeza o xuízo que resolverá o futuro deste edificio emblemático.

O xulgado de Primeira Instancia nº 1 de Carballo comeza a resolver hoxe o destino do Casino 1889, un espazo social e cultural emblemático ameazado polo negocio urbanístico. "Pola nosa parte intentámolo todo para facer noso o edifico e protexelo, pero levamos tanto tempo esperando unha resolución que tamén sentimos o desgaste. Só nos queda esperar e cruzar os dedos".

Laura Méndez acaba de coller a remuda da Presidencia da actual directiva do Casino de Carballo que hai catro anos asumiu a xestión dun dos espazos máis representativos da vila bergantiñá para facer deste edificio histórico un centro social e cultural de referencia para a comunidade local, máis conectada co pobo e aberta ao todo mundo.

A Sociedade Cultural e Recreativa Bergantiños conta con máis dun século de historia. Naceu en 1889 aínda que non foi até 1925 cando trasladou a súa sede ao Casino de Carballo, que é o nome con que se coñece popularmente a entidade cultural ademais do edificio histórico que aínda resiste no centro da vila as acometidas do negocio inmobiliario.

Axiña se ve malia non destacar en altura, pintado de amarelo. Fai esquina rúa de Lugo, perto da praza do Concello. Desde febreiro de 2018 acolle unha ampla axenda cultural que non deixou de crecer malia a todas as incertezas sobre o seu futuro. Pasou de 100 a case 300 socios, de abrir as portas a uns poucos, a recibir toda a veciñanza, que acode a diario ler a prensa mais tamén a clase de danza, concertos, teatro, presentación de libros e clubs de lectura.

A orixe do conflito

Apenas cinco meses despois de coller as rendas do edificio, a nova dirección do Casino 1889 recibiu unha notificación por parte dos novos propietarios anunciando a compra do inmóbel por 70.000 euros; que se converteu tamén no primeiro aviso sobre o risco de desaparición deste espazo emblemático.

Víctor Lorenzo exercía entón como presidente da Sociedade Cultural e Recreativa Bergantiños. "Aí confirmamos a sospeita que tiñamos dunha venda anterior do inmóbel, en 2005. Nese momento non se informou os inquilinos da operación de forma confiábel para brindarlle a opción de retracto, é dicir, de igualar a oferta dos novos propietarios e facerse co inmóbel". É o que tratan de conseguir agora desde a asociación cultural que manexa o Casino: salvar o edificio mais todo o patrimonio inmaterial asociado.

"En menos dunha semana, coa colaboración da veciñanza, reunimos máis de 70.000 euros e logramos depositar os cartos para optar á propiedade do inmóbel", sinalan

O colectivo non tardou en reaccionar desde o primeiro burofax. En menos de 15 días convocaron as persoas socias en asemblea e acordaron unir forzas para exercer o seu dereito a retracto. "En menos dunha semana, coa colaboración da veciñanza, reunimos máis de 70.000 euros e logramos depositar os cartos para optar á propiedade do inmóbel".

Mais unha segunda notificación veu rectificar o valor da compravenda. Segundo os novos propietarios o custo da operación non foi de 70.000 euros senón de 360.000, unha cifra pendente aínda de xustificación.

A disputa xudicial cos novos propietarios, que buscan desfacerse do edificio orixinal para iniciar un proxecto residencial no mesmo lugar, demorouse por mor da pandemia. Despois de varios aprazamentos hoxe [9.30 horas] está previsto que comece o xuízo que decidirá o futuro do Casino, un espazo icónico no que a entidade cultural que o xestiona confía en seguir desenvolvendo a súa actividade.

"Temos que garantir o futuro deste espazo social e histórico"

Carballo négase a perder outro edificio histórico para avanzar "na destrución urbanística" que caracteriza a vila. "Derrubáronse edificios emblemáticos para substituílos por construcións de formigón, que acabaron coa esencia urbanística do lugar", asegura Lorenzo quen defende a permanencia do Casino, do seu estilo neoclásico, as súas molduras e os seus teitos altos.

"O que queremos é asegurar a preservación do Casino, asegurar a súa conservación mesmo máis aló da propia asociación. Pensamos no espazo como algo social e histórico que pode evolucionar sempre, pero temos que garantirlle ese futuro", engade Laura Méndez, quen como nova presidenta do Casino avoga por seguilo enchendo de vida para que quen non entrou nunca o faga por primeira vez e "se sinta coma na casa".