Xustiza

Absolto por "falta de indicios" o único procesado polo crime do 'Cash Record' de Lugo, xulgado tres décadas despois

O acusado Manuel Juan Vilariño á súa saída da xornada de conclusións do xuízo do dobre crime do Ceao. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
"Non existe proba suficiente que o sitúe o día dos feitos no lugar do crime", precisa a sentenza.

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo vén de absolver o acusado do dobre crime do Cash Record, sucedido o 30 de abril de 1994 no polígono do Ceao, en Lugo, no que faleceron, tras ser tiroteados, unha caixeira e un operario do estabelecemento, posto que "ningunha proba, nin sequera indicio, coloca o procesado no polígono do Ceao a noite que sucederon os feitos". Con todo, no fallo xudicial que transcendeu esta sexta feira, o tribunal fai constar carencias na instrución do caso, que chegou a xuízo case 30 anos despois, en virtude da "encomiábel" acción da acusación particular ante unha instrución "deficiente".

O tribunal incide na sentenza en que "non existe proba suficiente que o sitúe o día dos feitos no lugar do crime" e nunha das súas conclusións tras debullar os aspectos que levaron a xuízo, lembra que na vista "non se xulga a persoa do procesado, nin o tipo de vida que levaba, nin sequera se era un home que vivía de costas á lei, senón se ese día entrou en Cash Record, matou as dúas vítimas e apoderouse da cuantiosa recadación —próxima a 3.777.026 pesetas—".

En termos xerais, os maxistrados indican que, tal e como sinala o Tribunal Supremo, as sospeitas sobre a posíbel autoría do acusado "non chegan á condición de indicios", porque moitas delas "teñen outra explicación diferente á que pretende darse". Aliás, afirman que "nin sequera no seu conxunto" poden apuntar "de maneira indubitada, tal e como exixe unha resolución penal", ao procesado como autor dos feitos polos que se lle xulga", o que motiva a absolución nun caso no que a Fiscalía non acusou. En todo caso, cabe recurso de casación perante o Supremo.

"Singularidade"

No auto xudicial, a sala significa a "singularidade dos feitos" que chegaron a xuízo case 30 anos, tras un "encomiábel esforzo" da acusación particular, que tratou de "completar unha instrución claramente deficiente". Este feito, matiza, "engade unha dificultade" adicional á "complexidade que sempre entraña debullar de maneira aséptica a proba que sostén a acusación e a defensa". Así, resolve como feitos probados o feito de que sobre as 20 horas do 8 de abril de 1994 persoa ou persoas "non identificadas" entraron no estabelecemento de distribución ao por maior Cash Record, e mataron con arma de fogo aos traballadores Herminia e Diego, marchando coa recadación da caixa.

A acusación particular situou no lugar a única persoa que chegou a ser procesada, soa ou en compañía doutros, pero "obviamente non existe proba directa pois as únicas persoas que poderían ser testemuñas do roubo resultaron asasinadas", e a proba indirecta que sostén a acusación, "baséase nos indicios que sinala como suficientes para destruír a presunción de inocencia de que goza o único procesado".

Cliente habitual

Tamén se resalta que "practicamente todos os membros da seguridade do Estado que participaron na investigación ao longo de todos estes anos, coinciden en que quen accedeu á nave de Cash Record ese día era un cliente habitual". Esa condición reuníaa o procesado, pois así se deduce do exame das facturas que foron incautadas na súa poder e analizadas, pero esa condición tamén a teñen diversos hostaleiros —da cidade e provincia— que refiren que compraban en Cash Record e que tamén gardaban as facturas coa finalidade de liquidar o IVE.

Presunta vinculación con Cash Miño

A acusación particular vinculaba a praxe con outro roubo no Cash Miño, pero neste caso, sinala a sala, "non existen autores senón meras conxecturas" e ademais nese caso "non se abriu xuízo fronte a ningunha persoa". Tampouco coincidía o modus operandi, xa que no Cash Record entrouse despois de fechar o portalón. "Aínda cando a meros efectos dialécticos quede de manifesto unha similitude entre ambos os feitos delituosos, respecto ao primeiro descoñécense os autores, e respecto do segundo, non só quen o fixo senón tamén o verdadeiro iter críminis [desenvolvemento do delito]".

Testemuño do ofrecemento

Por outra parte, a sala apunta que "un indicio que si tería tal consideración e que avalaría a autoría mantida" pola acusación particular é a declaración dunha testemuña que, en outubro de 1994 —meses despois dos feitos— sinalou que o procesado "ofreceu participar no atraco do Cash Récord". Engádese que se achegan datos que "acreditan a veracidade do ofrecemento", pero "esta conclusión non pode manterse tras a información exhaustiva a través dos medios de comunicación do acontecido o 31 de abril".

Nesa mesma declaración que inicia ante o instrutor da Policía Local refire que viu o procesado entrar nun bar da súa propiedade, entre as 19 e as 19.30 horas, e díxolle que "viña de durmir". "Por suposto que existe a posibilidade de que chegase á nave en hora para levar a cabo os feitos, pero a través do testemuño despréndese tamén a tese contraria", engade. A testemuña faleceu, aínda que a súa declaración foi incluída por escrita, pero a sala entende que "non pode alzarse como proba fundamental atendido non só o seu contido, non determinante, senón a condición de quen a emite, pois se trata dun recoñecido toxicómano que estaba detido no cuartel da policía local".

Armas incautadas

Tamén se puxo de manifesto o manexo de armas do acusado, que "sabía usalas" e, de feito, fóronlle incautadas algunhas "similares" ás que os especialistas de balística identificaron como a arma dos crimes. O propio procesado recoñeceu que foi condenado en 1993 por un delito de tenencia ilícita de armas. "Pero deste feito certo non pode derivarse a súa intervención nos feitos que aquí se xulgan, pois non se lle ocupou a arma utilizada, e dentro dos proxectís intervidos, Santa Bárbara, non se incautaron do ano 83 que foron os que se utilizaron no dobre asasinato".

Engade o fallo que, "o feito de que tivese acceso a outras armas Star 9 mm e que tivese munición compatíbel, mesmo da mesma marca, pero con outra referencia numérica, non é suficiente para sinalar ao procesado como autor do dobre crime". Por tanto, "non se atopou a arma do dobre crime nin proxectís idénticos" aos que causaron a morte da caixeira e o reponedor. "Calquera interpretación que se queira facer das circunstancias que aquí se analizan non poden ter a consideración de indicios admitidos jurisprudencialmente para alcanzar unha convicción condenatoria, senón simplemente meras sospeitas", engade o fallo.

Proba da matrícula

A sentenza fai unha mención especial ao recoñecemento dunha matrícula que fai unha testemuña, ao que a sala lle deu "total credibilidade" no plenario. Así, manifestou a súa "sorpresa" pola manifestación que efectuou relativa a que pretendeu comunicar á policía a presenza dunhas persoas que lle chamaba a atención o día en que se produciu o dobre crime, incluso o número de matrícula dun vehículo que lle resultou sospeitoso", pero referiu que "non lle recolleron a información porque lle dixeron que xa estaba resolvido, mostra evidente da inoperancia que moitas veces guiou o tránsito temporal desta investigación".