O lume que afectou un provedor na Rúa e problemas en estradas obrigan a suspender unha quenda en Stellantis Vigo

Stellantis en Vigo. (Foto. Europa Press)
Afetcta ao sistema 2 de montaxe, que se encarga da produción de furgonetas (vehículo K9)

Un dos moitos incendios forestais rexistrados estes días na Galiza provocou importantes danos na nave de Autoneum, na Rúa (comarca de Valdeorras), que é un dos provedores de Stellantis Vigo para a ensamblaxe das súas furgonetas, e o incidente xa tivo consecuencias na fábrica automobilística de Balaídos.

Así, a afectación nesta planta ourensá, sumada aos problemas loxísticos polos cortes nas estradas, traducíronse en dificultades de aprovisionamento de pezas para Stellantis, que obrigaron a suspender parte da actividade de produción, segundo informou a propia empresa.

Esta circunstancia dáse tan só un día despois de que a fábrica viguesa retomase o traballo despois das vacacións estivais.

Estes problemas de subministración están a afectar ao sistema 2 de montaxe, que se encarga da produción de furgonetas (vehículo K9), de maneira que se suspendeu a actividade nesta liña de produción na quenda de tarde deste martes.

A empresa informou de que os talleres de Ferraxe e Pintura adaptarán a súa actividade nesa quenda para continuar a fabricación de caixas destino SKD (sistema de envío de kits de pezas desmontadas parcialmente).

A previsión da planta é que a actividade normal volva na quenda de mañá desta cuarta feira.