14º Congreso da SIEF

Case un milleiro de antropólogas cítanse en Compostela

Presentación do Congreso da SIEF. Foto: Universidade da Coruña.

Case un milleiro de antropólogas e antropólogos atópanse estes días en Santiago de Compostela na 14ª edición do Congreso da Asociación Internacional de Etnoloxía (SIEF, nas siglas en inglés). Desde o 14 de abril e até o 17 do mesmo mes, 90 mesas servirán para que debatan especialistas chegados de máis de 50 países.
 

“Desde a década dos noventa do pasado século non houbo ningún outro evento semellante de antropoloxía no Estado español”, explicou a presidenta da Asociación Galega de Antropoloxía e coordinadora do encontro Cristina Sánchez, “porque se van reunir figuras de primeira liña internacional neste ámbito”. O lema é Rastreando cambios; reflexións sobre un mundo en transformación.

 

A situación da antropoloxía en Galiza, o impacto do turismo ou a recuperación dos barrios son alguns dos asuntos tratados estes días na Cidade da Cultura -onde se impartiu a conferencia inaugural a cargo de Susana Narotzky sobre “as políticas económicas da incerteza”- e na facultade de Económicas da Universidade de Compostela.

 

Ademais, haberá unha sesión plenaria especial dedicada integramente á antropoloxía galega e unha homenaxe ao pioneiro Camilo Lisón Tolosana, impulsor dos estudos universitarios da materia no Estado e investigador preocupado por Galiza. A organización enmarcou este debate “na especial precariedade” destes estudos no país, onde só é posibel cursalos a través da UNED.

 

O Instituto de Ciencias do Patrimonio, pertencente ao CSIC, a UNED e as universidades de Santiago, A Coruña, Vigo e Trás-os-Montes organizan o Congreso da SIEF. Patrocinan, ademais das entidades organizadoras, a Xunta, a Deputación da Coruña e mais a Wenner Green Foundation.