Case a metade das persoas que solicitaron a eutanasia na Galiza faleceron antes de recibir a prestación

'Morte Digna, instrucións previas e eutanasia'. A Asociación de Pacientes e Usuarias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago convocou esta cuarta feira unha charla divulgativa sobre a autodeterminación persoal nos momentos últimos da vida. 

A morte é parte do proceso vital. "E malia ser un transo doloroso, non debera resultar traumático nin deixar unha pegada emocional imborrábel nas persoas máis próximas", afirma a Nós Diario Fernando Abraldes, presidente da Asociación de Pacientes e Usuarias do CHUS, que esta cuarta feira levou á biblioteca pública Ánxel Casal de Compostela un asunto que considera fundamental: "Detrás do documento de instrucións previas e do acceso á eutanasia o que hai é un dereito á autodetermianción das persoas, que pasa respectar a súa vontade chegadas a unha situación límite". Un dereito recoñecido do que se sabe moi pouco, precisa Abraldes.

É por iso que convidaron Miguel Anxo García, psicólogo clínico do CHUS e presidente da asociación Dereito a Morrer Dignamente, a reflexionar sobre o desenvolvemento e aplicación dos procedementos previstos no marco normativo.

A morte digna, lembra García a este xornal é "ese final de vida que se realizan nunha condicións de coidado e atención á dor e ao sufrimento, cos coñecementos adecuados e sempre co protagonismo da persoa, facendo valer a súa decisión e vontade". En condicións de dignidade material, cos apoios sociais necesarios e nas circunstancias, lugar e compañía que a persoa elixa.

Acceso á eutanasia

A morte digna ten varias dimensións e vai máis aló da eutanasia, "unha elección que algunhas persoas fan para materializar unha morte digna", un dereito moito máis amplo asegura Miguel Anxo García a este xornal. E na Galiza non sempre se respecta, por exemplo, ao se incumprir a lei galega de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais.

Polo que se refire á aplicación da eutanasia, García destaca a "actitude pasiva" da Xunta. "Creo que non houbo un traballo de obstrución, mais si pasividade, que nunha administración pública non é aceptábel".

Na Galiza a taxa de morte por eutanasia é de 0,2 por 1000 persoas falecidas

O psicólogo clínico fala de  quietude á hora de difundir a lei, de incentivar a formación do persoal sanitario e de prestar a axuda a morrer. "Empezouse arrastrando os pés", o que non impediu unha implantación "con normalidade" tanto no sistema como na sociedade do previsto na lei orgánica, matiza.

Os primeiros datos sobre a aplicación da eutanasia na Galiza chegaron con dous anos de atraso. "En outubro Sanidade presentou unha diapositiva só con información cuantitativa, moi pouco explicativa do que sucede". Entre 2021 e 2023 rexistráronse 53 solicitudes. Realizáronse 21, denegáronse 5 e 8 revogaron a petición inicial. 26 persoas faleceron antes de chegar a recibir a prestación da eutanasia. "Un 44% morreu sen resposta á súa solicitude, un dato realmente malo que merece aclaración, porque o procedemento falla nalgún punto. E non falo de obstrución, insisto, mais si de pór os medios adecuados para que as persoas accedan á satisfacción dun dereito individual regulado".

Na Galiza a taxa de morte por eutanasia é de 0,2 por 1000 persoas falecidas, moi afastada da media que rexistran outros  países e mesmo territorios do Estado, de entre 1 e 4 por 1.000.

Instrucións previas

Outro instrumento fundamental xunto ao da eutanasia é o das instrucións previas. E aquí, "Galiza tamén está de terceira pola cola, no ranking de territorios do Estado".

Se a media estatal por cada 1.000 habitantes é de 8,48 [xaneiro de 2023] a galega está no 5,4, moi lonxe do 22,36 de Navarra, do 14,15 de Catalunya ou do 10,52 das Illes Balears.

De novo, advirte García, non hai traballo activo "e a proba témola na accesibilidade". Trátase, di, dun instrumento esencial para prever o futuro e para que a vontade das persoas se coñeza e se teña en conta. Saber del é importante, pero tamén dispor de rexistros suficientes onde acudir con este documento e en Lugo hai un so punto, para todas as comarcas, nun lugar da cidade por onde non pasa practicamente ninguén, que é a delegación territorial da Consellaría. É escandaloso".

Neste documento de instrucións previas, lebra Miguel Anxo García, xa é posíbel deixar constancia da soliciturde de eutanasia, a aplicar sempre que no futuro se dean os requisitos esixidos na lei para recibir axuda médica para morrer.