Case a metade das doazóns de órganos na Galiza son de ril

Trasplante de ril cruzado incompatíbel pediátrico (Foto: Europa Press).

Segundo os datos proporcionados polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), en 2021 recibíronse un total de 112 doazóns de órganos, das cales, case a metade foron doazóns de ril. Estas doazóns posibilitaron un total de 298 transplantes de órganos, 140 deles foron renais (25 dos cales de doantes vivos).

Hoxe conmemórase o Día Mundial do Ril. Data que diferentes asociacións aproveitan para lembrar a importancia das doenzas renais e a necesidade da doazón deste órgano para a supervivencia daquelas persoas que precisan un transplante. Segundo a Sociedade Internacional de Nefroloxía (ISN polo seu nome en inglés), unha de cada dez persoas adultas no mundo sofre dalgún tipo de doenza renal. Ademais, apunta que a mortalidade por causa de enfermidades do ril "aumenta ano tras ano" até poder situarse como a "quinta causa de morte no mundo no ano 2040".

Desde o comité directivo da ISN, animan a poboación a coñecer máis sobre as doenzas renais así como a prevelas: "Solicitamos a toda a poboación, en todo o mundo, que non só sexa consciente da enfermidade, senón que coñeza activamente cales son as propias medidas de saúde renal. Por exemplo, cal é a súa presión arterial e cales son os obxectivos do tratamento". "Adicionalmente, queremos alentar o público en xeral a adoptar unha dieta e estilos de vida saudábeis para mellorar a prevención de doenzas renais", acrecentan desde a ISN.

A responsabilidade da política

Finalmente, tamén pretenden que, desde a política, se mellore a situación: "Debemos informar os políticos sobre o impacto da enfermidade renal e a insuficiencia renal na saúde dos seus electores, así como a carga asociada nos orzamentos e sistemas de atención médica, alentando a adopción de políticas públicas e a asignación de recursos que aborden a carga global da enfermidade renal".

Este 2022 fanse 41 anos desde a primeira intervención de transplante dun órgano, e foi, precisamente, un ril. Segundo os últimos datos dispoñíbeis do Sergas, en 2021 a maior parte dos transplantes foron de ril, dos cales 25 procedían de doantes vivos. A lexislación explicita que "a non ser que se exprese o contrario en vida", todas as persoas poden ser doantes unha vez falecidas. De todos os modos, as familias teñen que ser as que tomen a última decisión.

O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) foi o que máis transplantes renais realizou en 2021, un total de 100. A día de hoxe, o tempo de espera medio para recibir un transplante de ril é de ao redor dun ano, segundo a Consellaría de Sanidade.

Actividades polo Día Mundial do Ril

Desde a Asociación Galega para a Loita Contra as Enfermidades do Ril (Alcer Galiza), levarán a cabo diversas actividades ao longo do día de hoxe para concienciar acerca das doenzas renais. Na Coruña colocarán unha mesa informativa diante do Chuac. Tamén haberá mesas informativas na cidade de Ferrol e en Compostela onde, ademais, a pasada terza feira organizaron un obradoiro para o fomento do coidado renal con alumnado de enfermaría da Universidade de Santiago de Compostela.