Enfermeiras eventuais en loita

“A #OPEnegra non é o final, é un primeiro paso: imos continuar até erradicar a precariedade na enfermaría”

Foron quen de socializar e visibilizar unha problemática, a da enfermería galega, até o de agora descoñecida para unha parte significativa da sociedade. Aliás, lograron sumar e ilusionar as profesionais desta rama sanitaria para poñerse en marcha e reivindicar conxuntamente a fin da eventualidade e precariedade na sanidade galega. Falamos con Tania, unhas das voceiras de Enfermeiras eventuais en loita.

Esperabades unha repercusión tan ampla á vosa convocatoria do #OPEnegra [ir vestidas de negro, en sinal de loito, ás oposicións do Sergas]?

Isto xurdiu como unha idea no grupo de whatsapp que temos as eventuais de Pontevedra. Estabamos moi cabreadas, pensando que podiamos facer porque xa non aguantabamos máis. Dous meses antes da oposición foi un ‘desmadre’ de contratos de baixa calidade, por riba a presión de estar preparando as oposicións... Pensamos que había que facer algo e saíu a idea de ir vestidas de negro ás oposicións en Silleda. Despois falamos de facer un cartel e mandarllo a compañeiras doutras áreas sanitarias. A resposta foi impresionante e decidimos pasar ás redes sociais. Apareceron outras persoas dispostas a axudar. Fixemos un grupo con compañeiras representantes de cada área e puxemos en marcha isto.

Conseguimos catro vídeos de apoio de xente famosa ou coñecida. E compañeiras que non tiñan relación cos organizadores empezaron a mandar vídeos a maiores doutras persoas coñecidas. Ao pouco tempo o movemento xa estaba en boca de todas e todos.

 

Podemos dicir que case 40% do persoal no Sergas é eventual

 

Lograstes que se visibilizase a realidade diaria das enfermeiras eventuais na Galiza, as súas problemáticas...

Unha porcentaxe elevadísima das prazas habituais do Sergas non están cubertas con prazas fixas. Non hai dados oficiais diso porque o Sergas non cumpre coa obriga de facer pública unha relación de empregadas. Sospeitamos que prefiren pagar a multa correspondente da Unión Europa que dar ese dato, pois entón sairía a luz todo o ‘petate’.

Estamos elaborando un traballo de campo en colaboración con moitas compañeiras. Recollemos datos de número de enfermeiras que hai en cada unidade, cantas delas son fixas, cantas están cubrindo as prazas en interinidade, cantas con contratos de acúmulo ou contratos temporais... Podemos falar de que case 40% do persoal no Segas é eventual.

Hai, pois, unha chea de prazas sen cubrir mais esas prazas non se sacan nas oposición. Hai xente que leva moitos anos traballando de eventual e este ano por riba aumentaron o tempo máximo traballado. É dicir, que a xente que levaba 8 anos traballando na anterior OPE [oferta de emprego público] tiña a puntuación máxima por experiencia e agora mesmo volveu baixar. A puntuación máxima é case 12 anos, é dicir, que tes que traballar a xornada completa os 12 meses do ano durante case 12 anos para ter a puntuación máxima e así, sumándolle a nota da oposición, lograr praza.

 

Por aforrar cartos contrátannos de segundas a sextas no mesmo servizo, dannos de baixa a fin de semana, que a temos que traballar noutro sitio, e a segunda seguinte volvemos cun contrato novo a ese servizo

 

Hai un funil, un tapón formado, de xente que leva moitísimo tempo e que nin sacando un 10 vai conseguir unha praza. E non é que non haxa postos de traballo e que non se cobren, ese é o problema gordo. Nós padecemos encadeamento tras encadeamento de contratos temporais. Non hai estabilidade nin dentro dunha interinidade.

Estase empregando como tónica habitual para cubrir prazas contratos de acúmulo renovábel de 6 meses, que é un contrato que se supón que está para demandas urxentes.

Por aforrar cartos contrátannos de segundas a sextas no mesmo servizo, dannos de baixa a fin de semana, que a temos que traballar noutro sitio, e a segunda seguinte volvemos cun contrato novo a ese servizo. Iso é esgotador. Estar traballando sen saber onde vas estar cando acabe a semana. O noso traballo ten unha carga de responsabilidade grande e temos un traballo amplo: a enfermaría ten as súas particularidades dependendo de se estás en consultas externas ou en unidade de críticos, nun centro de saúde... E nós estamos un día nun sitio, outro día noutro... e ao final iso non facilita facer ben o noso traballo.

 

Por que credes que o Sergas mantén esas situacións, esa precariedade laboral? Por unha simple cuestión económica?

Sendo persoal eventual perdemos moitos dereitos como traballadoras. Cando es fixa xeras unha serie de días de libre disposición, tes dereito a vacacións... Nós como eventuais ou pasamos un período moi longo nun contrato, o que é pouco probábel, ou non os tes. Eu levo máis de ano e medio traballando para o Sergas e nunca puiden ter un día de libre disposición. As eventuais non estamos facendo carreira profesional. Se eu quero coller unhas vacacións o que teño que facer é poñerme en suspensión de chamamento na lista e sen dereito a soldo. Ao final, facemos o traballo todo o ano. As vacacións témolas prorrateadas e temos tan poucas que no finiquito dos contratos págannos o equivalente ás vacacións. Ao Sergas ternos nesta situación na que cada día que poden aforrar sen darnos de alta na Seguridade Social compénsalle. É unha vergoña.

 

Nas oposicións de Silleda 95% dos compañeiros e compañeiras ían de negro. Se houbo esa resposta é porque hai un problema

 

O movemento logrou poñer sobre a mesa a situación de precariedade e temporalidade das enfermeiras. Cales son as demandas ou propostas que facedes para acabar con esa realidade?

Unha OPE (oferta de emprego público) real de cobertura das prazas libres. Cubrir as prazas que se vaian xerando. Pedimos transparencia total da relación de empregados de persoal fixo, eventual e interino que ten o Sergas. Un recoñecemento da carreira profesional desde o primeiro día, porque non pode ser que sexamos empregadas do Sergas moito anos sen xerar ese dereito. Tamén demandamos que se permita unha conciliación real, ou ter voz no pacto de contratación.

A boa resposta obtida á iniciativa de Enfermeiras eventuais en loita demostra que hai un problema latente e que non se dá só nesta categoría da sanidade. Nas oposicións de Silleda 95% dos compañeiros e compañeiras ían de negro. Se houbo esa resposta é porque hai un problema.

A #OPEnegra non é a fin de nada, é un principio, un primeiro paso, imos continuar. Non imos para até erradicar a precariedade laboral da enfermaría.