Case 8.000 despexos en Galiza desde o inicio da crise

Un total de 7.724. È o número de desafiuzamentos de inmóbeis executados no noso país entre 2008 e 2013, segundo os dados do CGPJ. Só en 2013 houbo 1.241, unha media de sete despexos en Galiza cada dous días.

Perto de 8.000 despexos tiveron lugar en Galiza nos últimos cinco anos. Entre os exercicios 2008 e 2013, ambos inclusive, executáronse 7.724 ordes de desafiuzamento, segundo dados do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ). Unhas cifras do poder xudicial coas que o blog da Cadea Ser 'Diario da Crise' vén de facer un mapa con dados por provincias.

No que atinxe a eses territorios, en Galiza son A Coruña e Pontevedra as que nestes anos rexistraron máis procedementos de lanzamento que acabaron co despexo dun inmoble. Na Coruña, 3.172; en Pontevedra, 2.834. Entre 2008 e 2013 na provincia de Lugo houbo 867 desafiuzamentos e na de Ourense, 851.

Case catro por día

Só en 2013 executáronse en Galiza 1.241 despexos. Unha media de tres desafiuzamentos e medio por día. Ou sexa, sete cada dous días. A nivel de Estado, o 2013 despediuse deixando cifras estarrecedoras: máis de 39.000 despexos.

Cómpre aclarar que nestas cifras do poder xudicial non se discrimina, como indica o blog, por tipos de inmoble, polo que nelas inclúese vivenda habitual, segunda residencia, locais, garaxes...

A finais de marzo plataformas contra os desafiuzamentos e de afectad@s pola hipoteca da Galiza rexistraban no Parlamento galego a primeira ILP contra os despexos que se presenta na Cámara dun territorio a nível estatal. Pedían unha modificación da actual lei galega de vivenda até conseguir "que se paralicen todos os desafiuzamentos".