Temporal

Problemas no subministro eléctrico en máis de 16.000 fogares

Desde que a pasada quinta feira afectase ao país o tren de temporais, milleiros de fogares e negocios padecen serios problemas de subministro eléctrico. Unión Fenosa cita en 16.134 os fogares afectados este domingo.

Son máis de 16.000 os fogares que continúan a sufrir este domingo problemas de subministro eléctrico. Trátase de cifras reportadas por Unión Fenosa e publicadas por Europa Press, que se fai eco de que as causas principais da falta de electricidade en casas e negocios do país ten a ver coa caída de árbores e pólas sobre o tendido eléctrico.

Segundo a compañía eléctrica, os traballadores vense na obriga de percorrer toda a liña eléctrica para solucionar os puntos afectados. Porén, en tres días de temporal a empresa non foi quen de garantir o subministro eléctrico para estes 16.000 fogares que continúan con problemas.

Desde a quinta feira, chegaron a ser até 70.000 os fogares que padeceron cortes de subministro eléctrico nun territorio que é dos maiores produtores e exportadores de enerxía no Estado español, amais de ser un dos máis prexudicados pola afectación da produción de enerxía no seu territorio.