Case 23.000 persoas enfermaron de coronavirus na Galiza desde o inicio da pandemia

Imaxe de arquivo dunha máscara abandonada no chan. (Foto: Europa Press)
A Consellaría de Sanidade vén de informar de que o número de casos activos descendeu de maneira limitada até 4.452. No entanto, entre a noite da cuarta feira e onte, rexistráronse 221 novos contaxios.

As cifras son frías e os partes diarios non deixan facerse, de todo, unha imaxe do que esta pandemia está a significar para o país. Nas últimas 24 horas houbo 221 contaxios novos, mais desde que a pandemia apareceu na Galiza 22.980 persoas colleron a enfermidade.

O número, moi relevador xunto co dos falecementos por mor deste virus -que xa superaron hai días os 700-, sae da suma dos casos positivos actuais, as mortes e as curacións das que da conta a Dirección Xeral de Saúde Pública.

Segundo este mesmo organismo, que depende da Consellaría de Sanidade, entre esta cuarta feira e onte rexistráronse máis de 220 positivos a maiores dos existentes, se ben baixou un pouco o volume de casos activos: agora son 4.452.

A esta evolución á baixa axudaron os descensos nas áreas sanitarias da Coruña e Cee, catro menos até os 1.109; Lugo, unha decena por debaixo de onte e xa son 630; e Santiago e O Barbanza, cunha caída de 30 pacientes e 578 infectados neste momento.

Tamén baixou a influenza na zona de Ferrol, chegando a 172 pacientes (sete menos que na anterior comunicación).

Pola contra, a propagación continúa a facer efecto en Pontevedra e O Salnés, onde 24 positivos no último día colocan o total de afectadas en 784. En Vigo ascendeu en nove persoas, estabelecéndose en 511, e en Ourense deuse un crecemento idéntico pero abeirando xa os 700 casos (668).

Sempre segundo a Xunta, desde que o virus se deixou notar na Galiza, curáronse 17.802 pacientes e houbo 726 vítimas mortais. As últimas, notificadas esta quinta feira, foron un home de 93 anos que estaba ingresado no Hospital de Verín e outro de 87 hospitalizado que era atendido no Hospital Lucus Augusti, ademais dunha muller de 88 no seu domicilio na área sanitaria de Lugo.

Xa se realizaron, segundo Sanidade, 452.649 probas PCR fronte ás 446.098 comunicadas onte.