Medran até os 316 os casos activos nas residencias de maiores

A conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha comparecencia polo tema no Parlamento. (Foto: Xunta da Galiza / Europa Press)
Os contaxios volveron aumentar nos centros xeriátricos após que onte a Consellaría de Política Social informara de 307 positivos. O maior incremento detectouse na residencia Santa Marta de Vigo. As cifras de traballadoras afectadas mantense na mesma liña con só tres baixas nas últimas 24 horas.

O saldo de positivos por coronavirus nos centros residenciais volve ser á alza. Malia que as autoridades sanitarias tramitaron a baixa de tres usuarias da Ricardo Baro de Aspronaga, en Oleiros, houbo que contabilizar un gromo con nove residentes no xeriátrico vigués de Santa Marta e dous contaxios novos na instalación oleirense.

A Consellaría de Política Social informa de que xa son 316 as e os usuarios de fogares residenciais que están contaxiados, após que nesta quinta feira comunicárase a afección a 307 persoas.

Precisamente o abrocho no Santa Marta fai que esta instalación se una á listaxe oficial na que xa hai 12 infraestruturas incluídas, tres delas intervidas pola Xunta (mais onte o BNG pediu que se tomase o control de todas). A maioría das e dos afectados seguen a estar na DomusVi de Lugo (131); O Incio (58); Nosa Señora do Viso, tamén baixo a xestión á Fundación San Rosendo (46); e Ballesol, en Oleiros (30).

Porén, os números tamén esconden gromos que afectan a persoas igualmente importantes en El Pinar de Culleredo (21); Las Salinas, no municipio de Ourense (14); e a nova incorporación de Santa Marta (9). Tanto na DomusVi Lalín como na Orpea Coruña (Culleredo) teñen dúas residentes infectadas.

Ademais, hai un caso positivo en cada unha destas instalacións: Arteixo, El Pilar e Os Pinos.

Até 115 persoas

No que se refire ás e aos operarios que traballan nestes estabelecementos, deron negativo ás probas catro traballadores -un en Lalín e 3 en Teo-, pero incorporáronse ao cómputo de doentes un empregado da residencia da Fundación José Otero (Compostela) e outro da Pai Menni (Betanzos).

Así, segundo fontes de Política Social, actualmente hai 115 membros dos cadros de persoal que padecen a Covid-19. Ao igual que no caso da xente usuaria, a maioría distribúense entre O Incio (35) e Outeiro de Rei (24), Nosa Señora do Viso en Lobeira (14) e El Pinar (7).

Nas Salinas, ubicada en Ourense, hai catro casos activos, e existe constancia de dous na Ballesol (Oleiros); Volta do Castro (Compostela); Orpea Lugo; Nosa Señora do Socorro (Arnoia); Doral (Mos); Santa Marta e CRAPD Vigo II, estas dúas na cidade olívica. As outras sete empregadas repártense no mesmo número de xeriátricos por todo o país.

Coas altas e baixas nos centros de atención á discapacidade, até esta sexta feira hai 24 beneficiarias afectadas -23 en Oleiros e 1 en Betanzos- e 19 traballadoras entre sete infraestructuras.