Case 16.000 sinaturas apoian a restitución do himno galego

Representantes da comisión promotora da ILP para a reparación do himno no Parlamento. (Foto: Arxina).
A comisión promotora da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión presentou onte ante a Xunta Electoral da Galiza 15.857 sinaturas que chaman ao Parlamento a acoller na Lei de símbolos da Galiza a letra orixinal do himno de Pondal.

Unha trintena de persoas representantes doutras tantas entidades do mundo da cultura, o ensino e o asociacionismo galego, encabezadas polas plataformas Vía galega e Galiza Cultura, rexistraron onte no Parlamento da Galiza case 16.000 sinaturas que referendan a restitución do himno galego, unha demanda cuxas orixes se remontan ao século pasado e que agora confían ver culminada.

"É moita hora de que o noso país corrixa no texto do seu símbolo máis evidente, xunto coa bandeira, os erros que historicamente se foron introducindo. É unha cuestión de dignidade, de xustiza histórica e de respecto á verdade", sinalou o catedrático da UDC e investigador do himno Manuel Ferreiro.

O estudoso da obra de Pondal foi, sinalou o coordinador de Vía Galega, Anxo Louzao, o "guía" desta ILP cunha "investigación monumental que evidencia o texto orixinal do noso himno".

Louzao agradeceu o apoio cidadá conseguido en tan só catro meses. "Superamos en 5.857 as sinaturas necesarias para debater a ILP no Parlamento, un número suficiente –cando aínda restaban dous meses de campaña, precisou– que mostra o interese e a necesidade de restaurar o noso himno".

 

Neste tempo, a iniciativa para a reparación do himno galego tamén sumou o aval de numerosos concellos e das Deputacións de Lugo, A Coruña e Ourense; á espera de que a de Pontevedra formalice o seu apoio, como xa avanzou. Agora, sinalou Anxo Louzao, "só falta que o Parlamento, que é o que ten a obriga e é a quen lle corresponde" trasladar á Lei de símbolos da Galiza o texto restaurado. 

Despois de numerosas iniciativas socias e parlamentarias, lideradas xa nos anos 90 pola entón deputada María Pilar García Negro, hoxe profesora honoraria da UDC, e das investigacións irrefutábeis de Manuel Ferreiro, libres de toda discusión "científica ou académica" para Anxo Louzao é o momento de "abandonar o desleixo que se está a producir  con todo aquilo que nos fai galegos e galegas".

É o momento de que o Parlamento aprobe o texto orixinal do himno, recalcou o portavoz de Vía Galega, e de que o Goberno galego emprenda "unha campaña de divulgación coa letra restaurada", a escrita por Eduardo Pondal en 1890 e cuxa difusión se iniciou na Habana en 1907.

Foi esta primeira andaina, lembrou Ferreiro, "a que explica que o texto adquirise erros e formas que non estaban nin na letra nin no espírito dos seus creadores e iniciais difusores". 

Unha causa "xusta"

Co paso dos anos, numerosas probas textuais deron conta das "adherencias, castelanismos, hiperenxebrismos e formas mudadas" coas que se propagou o himno desde as súas primeiras aparicións, o mesmo que recolleu a Lei de símbolos de 1984 e que agora buscan corrixir.

"Como é unha causa xusta terá un final xusto", aventurou Manuel Ferreiro, confiado en que o Parlamento finalice, esta vez si, "a reapropiación dun símbolo noso fundamental como é o himno nacional", dixo García Negro, ateigado de "transcricións equivocadas que afean e contaminan a súa significación". 

Por todo isto, concluíron as persoas voceiras da comisión promotora da ILP, este novo intento por mudar o himno ten que ser "o definitivo". Sería "inadmisíbel" que o Parlamento dese as costas a unha investigación rigorosa que apunta cara o texto fidedigno de Pondal, ao propio himno e a case 16.000 sinaturas que piden restauralo, repasou Louzao.

"O himno represéntanos como nación, como pobo, pero é o himno de todos os galegos e galegas. Proxecta a nosa vontade máis o noso dereito a existir como nación", concluíu.