A convocatoria da selectividade na Mariña provoca o debate

As estudantes da Mariña gardan as distancias coa ABAU

Rapazas e rapaces acceden á ABAU en Viveiro (Foto: Carlos Castro/EP)
O inicio das probas da ABAU, o antigo selectivo, no Instituto Vilar Ponte de Viveiro no medio do peche da Mariña polo rebrote da Covid-19 non convenceu por igual a todo o mundo. Desde algúns centros pensan que se puideron atrasar os exames mentres outros sosteñen que non quedaban máis datas para garantir que as estudantes e os estudantes da comarca non atopen as listas para acceder aos grados fechadas

Os exames da ABAU -a antiga selectividade- son sempre un atranco no camiño das mozas e mozos antes de chegar á Universidade. Porén, este ano as estudantes da Mariña teñen unha particular carreira de obstáculos marcado polo confinamento que vive a comarca por un rebrote da Covid-19. A tensión non é a única compañeira de viaxe estes días; tamén hai preocupación polo que poida pasar coa saúde de familiares e amigos e delas mesmas.

Nos institutos da zona, os equipos directivos teñen pareceres diferentes sobre o que debeu pasar con estas probas de acceso á universidade nun ano cando menos peculiar. Mentres as estudantes accedían a estes controis de coñecemento con pouca distancia social como se observa nas imaxes, nos centros estaban á espera de resultados.

A actividade máis intensa deuse, como é lóxico, no IES Vilar Ponte de Viveiro, onde se concentraron máis de 300 aspirantes. Alí a vice directora, Paula Sentandreu, explicou que a organización da intendencia foi a conta da Comisión Interuniversitaria de Galiza (Ciug). A adecuación dos espazos, a medición das distancias... Todo correspondeu aos técnicos enviados pola comisión e, de feito, Sentandreu non vía as alumnas e alumnos dende hai dez días. Malia que non notou nervios extra, a título persoal resaltou que seguir adiante cos exames é “un risco”. “Pero como ían a aprazar os exames? Se fan iso con máis motivo terían que facer o mesmo coas eleccións...”, remarcou, amosando a súa disconformidade coa data definitiva da ABAU.

Malia que as opinións nos institutos da comarca varían, o certo é que para a vice directora “pódese manter aos rapaces separados nas aulas” pero é incontrolábel que non se xunten entre as probas ou ao finalizaren. “Houbo moitos desprazamentos e se vén máis coches que outros anos por aquí”, reflexionou nun centro máis mediático que outros anos.

Reorganización dos centros

Tanto foi o cambio que, mentres dure a ABAU as alumnas e alumnos estarán repartidos entre “o pavillón, as aulas máis grandes do instituto e o salón de actos”. Quer ou non, o peche parcial da Mariña cambiou o punto de vista desta etapa. Até cambiaron as orixes dalgunhas das estudantes que chegaron para se examinares. Se normalmente había desprazamento desde Ortigueira a Viveiro, o alumnado desa vila foi recolocado en Ferrol. Por contra, o de Mondoñedo (que de cotiá ía a Lugo) foi enviado a Viveiro.

Neste contexto, o director do Monte Castelo de Burela, Alberto Rodríguez, recoñeceu que este ano deron unhas pautas extra as mozas e mozos para preservar a súa saúde na visita a Viveiro. “Tivemos unha reunión e lles pedimos que tiveran coidado destes días para non ter que seren confinados e non poder presentarse”. Sobre o axeitado do momento para facer os exames, o representante da xunta directiva preferiu non pronunciarse.

O seu homólogo no instituto de Xove, Xosé Manuel Rubal, recoñeceu que había “máis nervios” que outros anos “por todo o proceso que se pasou neste curso” e porque tamén hai preocupación polo futuro da factoría de Alcoa en San Cibrao. “Onte démoslles os últimos detalles para que hoxe non tivesen problema”, afirmou.

O director do IES Marqués de Sargadelos lamentou que este curso fora tan largo e defendeu que non sería posíbel un aprazamento da selectividade “porque os rapaces non se poden ver prexudicados nin chegar máis tarde que o resto porque as listas dos graos pechan”.

Igualdade de condicións

Pola súa banda o vice presidente da Ciug e delegado reitor da comisión na Coruña, Pedro Armas, aclarou que “se hai rapaces afectados pola Covid-19 e teñen que facer as probas en setembro, conservarán a prioridade de xullo”. É dicir, non se lles pecharán as listas das carreiras sempre e cando xustifiquen axeitadamente o por que de que non concorreran nestas datas.

Ademais, Armas comentou que as estudantes de Mondoñedo foron redirixidos a Viveiro porque pertencen á comarca que está no confinamento e non podía haber contacto coa zona de Lugo. Pola mesma razón, a Facultade de Humanidades do Campus de Ferrol da USC abriu as portas aos veciños de Ortigueira.

Os preparativos comezaron o “domingo cando a consellería aprobou o “aillamento”. Ao permitir que na ABAU en Viveiro as alumnas e alumnos quitasen a máscara unha vez sentados, “tomamos esa medida para toda Galicia para que non houbera agravio comparativo porque nun principio tíñamos fixado que a máscara fose obrigatoria todo o tempo”. Cando menos conseguiuse departir sobre Fernando VII, a economía franquista e a Restauración sen afogar.