Alcoa xa negocia o ERE sen pensar nas alternativas ao feche da factoría de San Cibrao

A primeira reunión da multinacional cos sindicatos serviu para constatar a intención da empresa de finalizar a negociación do ERE
Alcoa protesta lugo despedimentos industria (Carlos Castro Europa Press)
photo_camera (Carlos Castro / Europa Press)

Alcoa iniciou as reunións co comité de empresa para negociar o expediente de regulación de empresa (ERE) que deixaría sen emprego un total de 534 traballadoras e traballadores directos xunto a 350 máis de empresas auxiliares da comarca. Nesa xuntanza entregaron varios tomos con toda a documentación e acordaron que as reunións serían todas as quintas feiras ao longo dun mes, prazo que deu a empresa para rematar a negociación.

Decepción no comité de empresa

Segundo Constantino Arias, delegado de UXT no comité de empresa de Alcoa, "aínda non nos deu tempo a ler toda esa documentación". En todo caso este sindicalista explica a Nós Diario que as organizacións sociais  pedíronlle á empresa "que tivera en conta a oferta do Goberno español de contar co prezo da enerxía de entre 25 e 35 euros MW/h" unha oferta que "sería por 10 anos e pola que levamos loitando desde hai moito tempo".

O delegado da CIG no comité, Xosé Paleo, afirma a Nós Diario que esta primeira reunión foi, a modo de resumo, "o que nos temíamos e desexábamos que non fose". Asegura que "aínda que lle solicitamos que dese marcha atrás para volver á mesa multilateral para discutir a actual problemática da enerxía eles continuaron coa súa folla de ruta". Desde a central nacionalista inciden en que as reunións que comezaron onte "non buscan solucións, buscan executar o ERE" e por ese motivo a empresa segue cos trámites para "xustificar os motivos que dan para ir ao ERE".

Paleo lembra que a proposta do Goberno español realizada na última reunión multilateral "pode parecer insuficiente mais é unha proposta de partida que a empresa debería ter en conta e suspender o ERE". Para a CIG, a multinacional "non pon a vontade que debería pór nin a boa fe que debería ter para solucionar este problema".

Mobilizacións do comité de empresa

O comité de Alcoa San Cibrao protestou tamén onte fronte á Subdelegación do Goberno en Lugo polo inicio do período formal do despedimento colectivo. Tal e como afirmara o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, seguirán as mobilizacións e a presenza das operarias e operarios na rúa. Neste sentido anunciaron que o domingo 28 de xuño está prevista unha caravana de vehículos que percorrerá diferentes concellos da Mariña. A caravana sairá ás 10 horas do aparcamento do mercado de Viveiro. Pasará por Xove, San Cibrao, Burela, Foz e Ribadeo, entre outros sitios. O seu remate será ás 14 horas.

Comentarios