Carmen Sánchez, enfermeira do CHUAC: "Estivemos unha semana sen batas impermeábeis"

A sanitaria Carmen María Sánchez (Foto: Nós Diario).
Carmen María Sánchez é unha enfermeira veterana. Incorporouse en 1980 ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), e actualmente traballa nos quirófanos e no servizo de Urxencias do Hospital Abente e Lago. Nós Diario conversa con ela sobre a "falta de información e de organización" por parte da Xerencia na xestión da pandemia.

A incidencia da Covid-19 comeza remitir, mais os hospitais da área sanitaria da Coruña manteñen altos niveis de ocupación. Podemos dar por controlada esta terceira vaga?

Esta vaga foi moito peor que a primeira. As hospitalizacións baixaron lixeiramente, mais nas UCI seguimos igual. É unha situación terríbel. Agardo que a ninguén se lle ocorra agora "salvar Semana Santa", porque era o que nos faltaba. Xa salvamos o Nadal e vemos para que valeu, para agravar a situación nos hospitais.

Levan case un ano combatendo desde a primeira liña a Covid-19, notan a fatiga pandémica?

Considérome unha persoa forte e serena, mais evidentemente noto o cansazo, o esgotamento psicolóxico por mor das circunstancias. No quirófano, teoricamente, non recibimos pacientes Covid, porque son cirurxías programadas e fáiselles unha PCR o día antes. Porén, hoxe pode dar negativo e mañá positivo, e cando estamos de garda pola noite temos que operar a quen veña. Se dá negativo, xenial; se é positivo, temos que operalo igual. E, como en calquera centro sanitario, todos os días recibimos algún paciente Covid.

Como afrontan esta terceira vaga?

Estaban preparadas para o aumento da presión hospitalaria? Dá a sensación de que todo é improvisado. Se xorde un problema inténtase resolver sobre a marcha, e iso non é xestionar. Na primeira vaga tiñamos habilitado un quirófano para pacientes Covid que desmontaron cando remitiu a enfermidade. Se ti es un profesional sanitario que ademais se dedica á xestión, en que momento pensas que isto xa rematou e que o podes desmontar?

A semana pasada tivemos que montar o quirófano ás présas para operar un doente Covid, que agardou desde primeira hora da mañá até as 17 horas porque non estabamos preparadas. E, das persoas que participamos na intervención, só estaba vacinado o anestesista.

Falta planificación?

Totalmente. Planificación, cero. O que lle achaco a esta Xerencia e a este Goberno é que vaiamos sempre a remolque das circunstancias. O director de Enfermaría e o xerente saen moito nos medios dicindo que todo vai de marabilla e agradecendo o noso traballo, mais son palabras baleiras, un paternalismo barato. Boto en falta menos discursos e máis organización e previsión, porque para facer isto non fai falla ninguén, podemos organizarnos nós pola nosa conta.

Se ti decides que no Abente e Lago non se vai operar pacientes Covid e que estes van ser derivados ao Hospital central da Coruña, paréceme perfecto. O que non podes facer é desmontar o noso quirófano e despois remitirnos casos confirmados do virus.

Algunha vez tiveron problemas cos recursos dispoñíbeis para facer fronte á Covid?

Durante a primeira vaga, moitísimos. Agora, en xeral, non temos problema, mais a última semana estivemos sen batas impermeábeis, que son esenciais para evitar salpicaduras cando entubamos un paciente. Esta mañá [pola cuarta feira] tivemos que facelo o anestesista e máis eu, ambos os dous coa bata que empregamos no quirófano convencional e que non é a axeitada. A quinta feira chegaron novas batas impermeábeis, mais de peor calidade.

Na miña unidade quedamos catro enfermeiras, as máis antigas. As demais foron trasladadas ás unidades Covid (malia que na nosa planta tamén tratamos con pacientes co virus), e non poden quedar soas atendendo estes doentes. Urxe reforzar todas as unidades, en especial a de críticos.