Carmen Eiró, primeira muller fiscala superior da Galiza
A nova fiscala superior da Galiza, Carmen Eiró, fixou como obxectivos mellorar a protección das vítimas de violencia de xénero e de acoso escolar, pero tamén incentivar o traballo do Ministerio Público para que os incendios forestais, como os deste verán, non queden "impunes".
Carmen Eiró tomou posesión do seu cargo esta segunda feira , nun acto presidido polo fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, a quen trasladou palabras de agradecemento. "A súa prudencia, apoio e defensa da legalidade do Estado de Dereito están fóra de toda dúbida", gabou a fiscala superior .
O fiscal xeral do Estado, á súa vez, destacou a traxectoria de Eiró, primeira muller en pórse á fronte da Fiscalía Superior da Galiza. "Por fin unha muller é fiscala superior", subliñou. "Difícil atopar unha fiscala tan comprometida co seu territorio", engadiu para subliñar a súa "defensa" da Galiza.
Ante membros da carreira fiscal e xudicial, representantes políticos e outras autoridades, na sede do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), Eiró manifestou o seu compromiso "coa cidadanía, coa lei e a cidadanía". "A Fiscalía é un corpo único comprometido coa verdade e coa lei", recalcou, para incidir na "profesionalidade e rigor" de quen fai parte desta institución. "Sen Ministerio Fiscal non hai defensa da vítima e de xente que carece de voz".
Desafíos inmediatos
Carmen Eiró apelou no seu discurso a unha "Fiscalía empática e comprometida". "Non chega con aplicar a lei, é necesario interpretala humanamente", dixo. Entre os retos que asume situou a loita contra a violencia de xénero, "para reforzar a protección das vítimas".
Ademais, Eiró trasladou a súa preocupación polo acoso escolar e avanzou que traballará desde a Fiscalía Superior da Galiza para incentivar a investigación e a sanción deste tipo de condutas, mais tamén a prevención, en colaboración con familias e centros de educativos. A iso, sumou a colaboración coas forzas e corpos de seguridade do Estado para facer fronte ao tráfico de drogas ou a defensa dos bosques galegos.
"A vaga de incendios que tivemos non pode quedar impune, cada lume esixe unha resposta de acción e responsabilidade aplicando a lei con rigor", engadiu, sen esquecer os delitos vinculados ás novas tecnoloxías. Para combatelos todos demandou dotación de medios.
