PENSAR A GALIZA POS-COVID

Carme Adán: “Facer causa de temas insignificantes ten como obxectivo desviar a atención do gran tema que deberiamos estar discutindo: como queremos vivir a partir de agora”

Carme Adán [Judith Cendon].
Carme Adán, doutora en Filosofía, docente, coordinadora da sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega e autora de Feminismo e coñecemento. Da experiencia das mulleres ao ciborg, Cartografías do derrubo, ou Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión, fala nesta conversa da importancia da "ética dos coidados" e da necesidade de construír un novo modelo de convivencia no que a cooperación, a igualdade e os coidados se erixan en valores vertebradores da sociedade poscovid. 

Como afectou a pandemia e as súas consecuencias ás mulleres?

Para empezar, creo que hai unha cousa que está clara: aumentou moitísmo o traballo de todas as persoas pero, sobre todo, das mulleres. Aumentaron os labores de limpeza e de coidados. En calquera lugar público existen moitos máis protocolos: desinfección, comidas, a roupa… Todo iso require unha serie de traballos que recaen maioritariamente sobre as mulleres. Por outra banda, e no campo do simbólico, todo o que pasou mostrou a importancia dese traballo, a importancia de todas esas cousas que antes non valorabamos, que dabamos por sentadas, e que agora vemos que requiren un compromiso e un tempo de dedicación. Probabelmente, neste campo simbólico existiu esta ganancia de visibilización e valorización, pero no material as mulleres cargaron con moito máis traballo.

Prevese que a recesión económica consecuencia da pandemia vai aumentar as desigualdades porque vai afectar especialmente a moitos deses traballos, moi precarizados, a tempo parcial nunha gran porcentaxe dos casos e que son, en xeral, exercidos por mulleres.

Nas últimas crises, aumentaron as desigualdades e esta particularmente parece ter dúas saídas: unha que sexa un enfrontamento total co modo de vida que levamos até o de agora e outra que signifique un aumento das desigualdades: máis privatización de servizos básicos como a sanidade e a educación e unha parte importante da sociedade que quede desamparada. O feito de que na primeira vaga da pandemia non se reforzase a sanidade pública ou non se investise máis en educación indica que estamos indo máis polo segundo camiño. Reducir as desigualdades sería unha forma de estar mellor preparados para unha eventual segunda ou terceira vaga ou para a irrupción doutro virus.

Entón non sacamos ningunha ensinanza de todo isto? Vostede que tamén é docente, non percibe ningún cambio no estudantado, por exemplo?

A Covid, se algo tivo, foi que nos puxo diante da realidade. Durante as últimas décadas educamos as novas xeracións nunha visión da vida moi idealizada na que todo era posíbel. E agora, por primeira vez en moito tempo, nenos e nenas, mozos e mozas, decátanse de que o mundo é real, de que as cousas non dependen exclusivamente da nosa vontade, de que as nosas accións só poden modificar unha parte do que vén dado por un escenario concreto. Até o de agora, a xente moza levaba moi mal a frustración das súas expectativas e agora resulta que hai algo que non se pode evitar: gustaríanos que a pandemia e as súas consecuencias non estivesen aí, mais apenas podemos facer nada para evitalo. Nese plano do simbólico do que falabamos si creo que é importante incidir na educación como algo máis que estar fechados nunha aula e dar determinados contidos.

De súpeto é importante a educación, de súpeto o profesorado está constituído por persoas cuxo traballo é valioso… A educación, que antes estaba exclusivamente ao servizo dese sistema de valores rexido pola produtividade e a empregabilidade –as palabras liberais–, percíbese agora como algo diferente, valórase doutra maneira. Pero tamén é certo que aquí seguen existindo as ambivalencias. A desescalada deseñouse en función dun concepto da economía completamente errado: seguimos pensando que vai ser a reactivación económica a que regule a volta á "normalidade" e talvez este era o momento de pensar que se pode vivir mellor con menos. Quizais esas novas xeracións valoren máis ter menos bens materiais e acceder máis á natureza, aos espazos de sociabilidade… O cambio de valores non o podemos ver porque estamos dentro, mais cando pasen dez ou quince anos posibelmente nos atopemos cunha "xeración da Covid" que viviu un cambio moi brusco no seu modo de vida e que por iso, precisamente, podería ter outras prioridades.

 

A entrevista na íntegra podes lela no Nós Diario en papel ou na nube. Se aínda non es subscritora ou subscritor podes facelo aquí: http://bit.ly/3hCH3Qu