Carme Adán: "A coeducación está a vivir unha revolución feminista e está presente nas aulas"

Carme Adán é profesora de Filosofía no IES Politécnico de Vigo. (Foto: Nós Diario)
Carme Adán (Donostia, 1966) é catedrática de Filosofía e foi secretaria xeral de Igualdade entre 2005 e 2009, durante o Goberno de PSOE e BNG. Nese período aprobouse a Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero (2007). Conversamos con ela arredor do 25-N e dos días que están por vir.

Como viviu este 25-N?

Para min foi unha xornada de traballo, pola mañá, no IES Politécnico de Vigo, con varias actividades programadas dentro das aulas, e de manifestación pola tarde, de saír á rúa e apoiar movemento feminista. Foi un día de activismo e de traballo co alumnado de Bacharelato e de segundo da ESO, neste caso a través da materia de Igualdade de xénero, na única hora semanal que temos. Aproveitamos para volver sobre as violencias, reflexionar e pegar uns vinilos nos cuartos de baño con varias frases alusivas: 'Non sexas cómplice das violencias', 'Non é non', 'Diferentes si, desiguais non'.

Son reivindicacións para todos os días.

Porque todos os días son 25-N. As datas son importantes. Vestimos camisetas negras, falamos máis do tema, saímos á rúa, realizamos accións. Obrígannos a deternos e a valorar que se conseguiu e que fica por facer. Pero o traballo de tantas e tantas profesionais desde os Centros de Información á Muller ou as Oficinas de Atencións ás Vítimas de Violencia é continuo.

Todos os días temos que traballar para educar na cultura da non violencia, e collo prestada esta expresión da filósofa Judith Butler. Todos os días temos que educar na igualdade e na liberdade para que non se dea a violencia machista.

Hoxe mesmo, 26-N, no noso instituto, volveremos concentrarnos ás 19.30 horas para rexeitar as pintadas homófobas que apareceron no centro. Non se pode consentir ningún tipo de violencia patriarcal.

Como se educa na cultura da non violencia?

No noso centro de ensino este ano dedicamos moitos proxectos e esforzo ás masculinidades. Temos que parar e falar cos mozos, cos nenos, e preguntarlles como viven eles a súa masculinidade, como viven eles este momento. Que advirten en toda esa pornografía que os está modelando, que constrúe o desexo e torna erótica a violencia contra as mulleres. Este traballo ten que ser diario.

Como reacciona a mocidade cando se ve interpelada?

As mozas ven que moitas veces sofren esa violencia e, en ocasións, normalízana. Se vas polo corredor e che tocan o cu, e ti non querías, ten que ficar claro que iso forma parte dunha violencia que se vai consolidando. Doutra banda, hai mozos que están enchoupados dun discurso negacionista da violencia que vai calando. Eu chamo seguido á responsabilidade de que non se pode negar a violencia machista porque vai en contra dunha sociedade máis libre e igualitaria. A adolescencia é unha etapa complexa na que se están articulando as relacións. Canto máis se traballe nas aulas e nos centros educativos, mellor será a educación.

E a coeducación.

Da mesma maneira que coreamos que a xustiza machista non é xustiza, a educación machista non é educación. Neste sentido, hai moito traballo feito nos centros no ámbito da igualdade e da diversidade afectivo sexual. Hai moito profesorado comprometido. Os plans de igualdade están aí e son debatidos nos claustros. Hai certa escaseza de contidos transversais pero trátanse nas titorías, polo menos no meu centro. No ámbito da coeducación estamos vivindo unha revolución feminista. Non hai involución. Hai unha reacción fronte á negación, pero o feito de mirar e querer volver falar de violencia doméstica tennos que facer fortes e ver cantas cousas levamos mudado, e como a coeducación está dentro dos centros de ensino. Neste sentido, creo que o Goberno galego debería impulsar un plan auténtico de coeducación e formación en igualdade e diversidade do profesorado.

Todos os avances contan.

As violencias machistas están na cerna do patriarcado. Cambiar ese sistema significa mudar as actitudes, os comportamentos, os estereotipos, as valoracións que facemos das mozas e dos mozos, o que esperamos das relacións. Son moitos os cambios que temos que procurar todos os días. Non se vai consolidar no prazo de cinco anos, mais se miramos cinco anos atrás vemos que non estamos no mesmo sitio: hai unha denuncia maior, hai movementos que apuntan cara ás violencias sexuais, hai un acordo parlamentario para que casos como o da Maruxaina sexan violencia de xénero. 

Si que hai un cambio. Evidentemente ningún decreto permitirá que ao día seguinte xa non exista o patriarcado. Todos e todas estamos chamadas a mudar as nosas prácticas e os nosos espazos de traballo, sen esquecer que necesitamos máis medios, máis recursos, un compromiso orzamentario maior das Administracións, e necesitamos máis formación, insisto, na cultura da non violencia e dunha masculinidade diferente da tradicional, que asume a violencia como unha práctica lexítima.  

'Vivas e libres', unha revisión da lei galega

"Ningunha lei é palabra divina. Están para mellorar  as situacións. Se as situacións mudan, deberan mudar as leis. Mais tamén os servizos e os recursos dispoñíbeis", afirma Carme Adán, quen asina a cuarta entrega da colección de análise e formación Ideas Impresas, impulsada pola Fundación Galiza Sempre. A vindeira cuarta feira, 1 de decembro, presentará na libraría Cartabón de Vigo o caderno Vivas e Libres. Lexislación e violencia machista: Contribucións do nacionalismo galego, un percorrido polas políticas públicas feministas do país no que atinxe á violencia machista que tamén pretende visibilizar o feminismo galego. Inclúe, ademais, unha reflexión sobre a revisión e actualización que precisa a actual lei galega para dotar as mulleres dunha maior protección, tamén no ámbito xudicial, sanitario ou administrativo.