Chis Oliveira, catedrática: "A sexualidade non é un tema, é un problema para a xente"

O libro 'Comando Igualdade. A mocidade facendo a revolución feminista nas aulas!', que vén de tirar do prelo a editorial Catroventos, recolle a experiencia e a historia do proxecto educativo Comando Igualdade cando se fan dez anos da súa posta en marcha. Conversamos con Chis Oliveira, coautora a canda Priscila Retamozo e impulsora desta iniciativa.
Mercedes 'Chis' Oliveira Malvar e Priscila Retamozo Ramos (Foto: Cedida).
photo_camera Mercedes 'Chis' Oliveira Malvar e Priscila Retamozo Ramos (Foto: Cedida).

Mercedes 'Chis' Oliveira Malvar e Priscila Retamozo Ramos, profesora e alumna, levaron ao papel a historia do Comando Igualdade, unha iniciativa innovadora que a catedrática de Filosofía desenvolve no Instituto de Educación Secundaria Alexandre Bóveda de Vigo e que obtivo o premio Irene de igualdade. Comando Igualdade. A mocidade facendo a revolución feminista nas aulas!, editado por Catroventos, preséntase como unha ventá aberta a esas sesións de formación coa finalidade de achegar "unha mirada global que nos axude a pensar, a argumentar e a fomentar o espírito crítico" entre as persoas. Porque, como recolle a escritora Ledicia Costas no prólogo, "poder debater co alumnado de sexo, xénero, feminismo, patriarcado, homofobia, diversidade [...] significa estabelecer os alicerces para que se materialice o cambio que tanto ansiamos": "Deeds, not words". Conversamos coa autora, profesora e especialista en coeducación Chis Oliveira.

—Por que debemos falar máis de coeducación? 

Se non facemos coeducación, se non facemos conscientemente educación para a igualdade, estamos, por inercia, educando na desigualdade. Ser conscientes disto é o punto chave porque a coeducación non é unha palabra, é toda unha forma de entender o ensino. 

Facer coeducación non é simplemente ter unha boa intención, senón que é unha toma de postura. É importante ser conscientes de que levamos unha cultura milenaria de desigualdade detrás, chea de prexuízos, de estereotipos e de inercias moi poderosas. Como non sexamos quen de revisalas, sen decatarnos estaremos reproducindo un estado de cousas que posibelmente non nos guste.

—O proxecto Comando Igualdade nace após anos de experiencia. Como comezou esta iniciativa?

Sempre, voluntariamente, collía a materia de Ética para poder tratar estas temáticas porque dalgunha maneira aí tiña carta branca para poder investigar e ensaiar cousas que noutras materias, polas programacións, non se pode. Foi aí onde empecei a traballar todo o que me parecía que a xente demandaba: os problemas de identidade, de relacións, do desexo… Porque a sexualidade non é un tema, é un problema para a xente. Como hai medos, dúbidas, inseguridades ou falsas crenzas… convértese nunha inquedanza. Deses primeiros pasos xa hai 40 anos e, desde entón, traballei este tema nas aulas. Alén de dar información sobre enfermidades de transmisión sexual ou anticonceptivos, había que reflexionar.

Mais para pensar en común era necesario crear un espazo seguro, que a xente se sentise respectada cando falase, había que escoitar, reconducir, dar a palabra a todas as involucradas. Iso foi tamén para min un adestramento. Fun formándome como puiden e, nese proceso, foi moi importante todo o que me devolveu o meu alumnado ao longo dos anos nas aulas.

Tiven que desaprender o sistema do ensino, que é vertical, nel é a profesora a que sabe e diríxese ao grupo. Mais cando falamos de relacións humanas e de nós mesmas ao mellor xa non hai esa verticalidade. O interesante é recolocarnos. Lembro que busquei incluso a recolocación do propio espazo da aula, era importante dar voz ao alumnado. Quería demostrarlles que o espazo tamén ten currículo oculto. Era necesario que as persoas atopasen ese benestar na aula.

—No libro fai fincapé en que este Comando é un proxecto replicábel.

Exacto, non é tanto contar a nosa experiencia senón a invitación para que isto se poida aproveitar. O noso desexo sería un Comando en cada instituto. Nós brindamos todo o proceso, facilitamos a información para que se poida pegar un salto de xigante. Somos unhas crentes na igualdade e o que nos gusta é poder axudar. A proba é que en moitos dos sitios nos que estivemos foron facendo comandos e iso para nós é o éxito. Non é só que nos guste que a xente quede abraiada co Comando, que tamén, o que máis nos gusta é prender unha pequena iniciativa que, dependendo das circunstancias, poderá mudar moitas cousas. 

En Comando Igualdade achegamos, ademais da experiencia, un mapa de recursos ao que podes acceder desde a web de Catroventos ou a través dos códigos QR do libro, que nos levan a vídeos, imaxes, lecturas... Parecíanos que estaba ben incluílos porque dá un toque moi fresco poder ver o propio Comando en acción.

—Como valora o paso do alumnado polo Comando?

O Comando é un grupo onde toda a xente que pertence a el está disposta a desaprender, a rever o que fomos aprendendo en todos os lados, na familia, nas amizades, na escola… porque moitas veces son aprendizaxes nefastas que hai que revisar para poder construír unha nova filosofía de vida, un camiño máis aberto e máis san… E iso é o que pretendemos co Comando, dar unha sacudida. 

As persoas entran no Comando timidamente e logo convértense en verdadeiras activistas, non só de acción senón tamén de coñecemento. Encántame porque o chat do grupo está sempre fervendo: mandan iniciativas, artigos, series… Esa é a actitude. A Filosofía non é máis que iso, non dar nunca a resposta por válida até afondar… estar sempre nutríndote. A min o que máis me gusta na vida é que me dean información, reflexión… esa sensación de estar vivas, e iso é o que nos dá o Comando. 

Decatarnos de que podemos pensar é fundamental, máis diante dun mundo que está cheo de certezas. Enxerir a dúbida é necesario. Como método, a dúbida, o cuestionamento, a reflexión, a curiosidade, ese é o gran valor. 

Ademais de traballar moito, ten un beneficio incalculábel porque a satisfacción que che dá ver que o teu labor ten sentido, que realmente axudas a xente, que creas persoas críticas, cuestionadoras, máis felices… É unha pasada! Priscila, ex alumna, coautora e membro do Comando, estame a devolver todo ese labor agora. Aprendo dela e é marabilloso. A docencia ás veces é moi dura, por aí tamén pasamos, mais cando che devolven todo isto… sen palabras! 

Comentarios